O Racing vence e roza a remontada, pero a SD Amorebieta alzou o título de campión

O Racing rozou a épica nun gran partido dos ferroláns no que venceron por 2-0 cun gol en propia de Murua e o tanto de Héber, pero o título de campión foi para a SD Amorebieta.

Gran partido dos de Parralo que foron a por todas desde o primeiro minuto e mostrouse como claro dominador do encontro de principio a fin. O Racing saíu co once conformado por Diego Rivas, Brais Martínez, David Castro, Jon García, Pep Caballé, Jesús Bernal, Fran Manzanara, Luis Chacón, Jorge Padilla, Carlos Vicente e Manu Justo, mentres que os de Haritz Mújika saíron con Marino, Jorge Mier, Murua, Antxon, Toni Ferreiro, Cantón, Albisua, Iturraspe, Dorrio, Buján e Pradera.

O Racing necesitaba un gol temperán para tratar de dar a volta a volta ao marcador de 3-0 na ida e estivo preto diso aos tres minutos de xogo cando un centro de Carlos Vicente rematábao Jorge Padilla de cabeza, pero o balón marchábase por encima da portería defendida por Marino. Once minutos despois, tras un saque de banda, Luis Chacón disparaba desde fóra da área, pero o balón marchábase fóra por moi pouco. Asediaba o Racing ao Amorebieta nos primeiros compases do encontro e de novo rozou o gol nun saque de esquina lanzado por Chacón e que Jon García remataba de primeiras estrelando o balón na cruceta.

Levabamos vinte minutos de xogo e o Racing seguía apertando en cada chegada. Bernal dispuxo dun balón na frontal da área e enviou un bo tiro raso, pero Marino lograba meter a man para rexeitar a córner. Chacón sacaba en curto o saque de esquina para Padilla, que remataba sen pensarllo con rosca buscando a escuadra máis afastada de Marino, pero novamente o balón marchábase fóra por moi pouco.

O Amorebieta tivo preto poder sentenciar a eliminatoria cando Iturraspe revolveuse ben dentro da área e conseguiu sacar un lategazo, pero Rivas lograba rexeitar cunha boa parada. Tras esta ocasión, o Racing respondeu rápido cun disparo de Luis Chacón que pasaba moi preto do pau. Os ferroláns volvían tomar o mando do partido e gozaría dunha dobre ocasión tras unha boa xogada persoal de Carlos Vicente na que vai de varios defensores e remata a porta, pero a defensa rexeita na liña de gol e no rebote Manzanara dispara de primeiras, pero Marino conseguía despexar a ocasión.

Co empate a ceros no marcador, o colexiado sinalaría o final do primeiro tempo, provocando o enfado da bancada ao pitar xusto cando Brais Martínez internábase dentro da área visitante. Con aínda 45 minutos por diante, Parralo movería o banco dando entrada a Enol Coto, Héber e Álex López por Brais Martínez, Pep Caballé e Jorge Padilla.

O encontro arrincaba coa mesma dinámica do primeiro tempo, co Racing dominando, pero sen lograr o ansiado gol. Parralo movería de novo o banco ao meter a Manel Martínez por Manzanara. Mújika tamén realizaría cambios coa entrada de Edwards por Buján, Yriarte por Cantón e Jauregi por Iturraspe.

O Racing non pasaba apuros atrás, pero o partido baixaba levemente o ritmo, polo que de novo Parralo buscaría alternativas dando entrada a Del Pozo por Luis Chacón. Unha caída de Héber na área avivaría os ánimos da bancada reclamando un posible penalti, pero o colexiado non sinalaría nada.

A falta de doce minutos para o final, o Racing lograría o primeiro tanto da tarde tras un tanto en propia de Murua ao trataba de rexeitar un centro coa mala fortuna que introduciría o balón na súa portería. Tras o gol ferrolán, Mújika movería o banco coa entrada de Ewan por Pradera.

O Racing atacaba con todo e a falta de seis minutos para cumprir o tempo regulamentario, Héber lograba o segundo gol racinguista tras unha xogada maxistral do extremo galego marchándose do seu defensor, entrando na área e superando a Marino cun bo disparo. Tras o gol dos ferroláns, o Amorebieta realizaría o último cambio coa entrada de Seguín por Dorrio.

O Racing buscaría o terceiro sen parar nin un só instante, pero o marcador xa non se volvería a mover. Deste xeito, os de Cristóbal Parralo despiden a tempada con vitoria e rozando a épica, e aínda que sen título de campión, os ferroláns lograron o premio gordo que era o ascenso. Ademais, A Malata despediu ao final do partido ao gran capitán, lenda do club e máximo goleador da historia racinguista, Joselu, que colgou as botas.

RESULTADO: Racing 2-0 SD Amorebieta

RACING CLUB FERROL: Diego Rivas, Brais Martínez (Enol Coto 45′), David Castro, Jon García, Pep Caballé (Héber 45′), Jesús Bernal, Fran Manzanara (Manel Martínez 55′), Luis Chacón (Del Pozo 70′), Jorge Padilla (Álex López 45′), Carlos Vicente e Manu Justo.

SD AMOREBIETA: Marino, Jorge Mier, Murua, Antxon, Toni Herrero, Cantón (Yriarte 62′), Albisua, Iturraspe (Jauregui 62′), Dorrio (Seguín 85′), Buján (Edwards 62′) e Pradera (Ewan 78′).

GOLES: 1-0 Murua (78′ en propia) e 2-0 Héber (84′).

ÁRBITROS: Víctor Pérez Peraza como principal, Manuel Muñoz Guillen e David Serrano Rodrñiguez como asistentes e Francisco José Ortega Herrera como cuarto.

TARXETAS: Amoestaron ao local Manu Justo (75′) e aos visitantes Iturraspe (48′), Pradera (76′), Ewan (90+) e Mier (90+).

INCIDENCIAS: Partido correspondente á volta a final de campións da Primera Federación disputada no estadio A Malata cunha asistencia de 7000 afeccionados.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas