O PARRULO FERROL: Os ferroláns caen pola mínima ante o Alzira e quedan sen final polo ascenso

Un tanto de Javi Sena tras un contragolpe deixa ao Parrulo fóra da loita polo ascenso tras caer por 0-1 co Family Cash Alzira no terceiro encontro de semifinais.

Os de Juanma Marrube saíron a por todas desde o primeiro minuto e ante un pavillón da Malata completamente cheo, formando o quinteto inicial con Coro, Iván Rumbo, Rubén Orzáez, Hélder e Adri, mentres que Braulio Correal apostaba por Porky, Carlitos, Peiró, Castejón e Javi Sena.

Saíron valentes os ferroláns, buscando impoñer un ritmo alto ao xogo, presionando e utilizando a Kevin Chis nos primeiros ataques como porteiro-xogador para encerrar a un rival que se mostraba sólido en defensa tentando aproveitar un descoido para contragolpear e precisamente tiveron a primeira clara do partido na que Peiró encaraba a un tempo, pero o porteiro lograba desbaratar a xogada do Alzira cunha gran intervención. Os de Marrube responderon rápido cunha dobre ocasión na que primeiro Novoa probaba a Porky e posteriormente Adri estrelaba o balón no pau.

Chegando ao ecuador do primeiro tempo, os dous equipos intercambiaban golpes nun partido frenético, cos locais podendo adiantarse en varias ocasións con disparos de Novoa e Kevin Chis que repelía Porky e os locais facendo o propio con idéntico resultado ante Coro. Os colexiados anulaban mesmo un gol ao Alzira por unha falta previa e de novo O Parrulo asediaba con ocasións para Chis, Orzáez e Novoa que se marchaban fóra por moi pouco e un disparo do propio Rubén Orzáez na última xogada do primeiro tempo que se que se estampaba no traveseiro. Co resultado de 0-0 os dous equipos marchábanse aos vestiarios nunha primeira parte trepidante e cos ferroláns sendo superiores.

No segundo tempo, os de Marrube saíron co mesmo plan, querendo dominar o encontro e buscando un gol temperán, aínda que como na primeira metade, sería o Alzira quen rozase o gol cun disparo que lograba despexar Coro e posteriormente o pau. O Parrulo quitouse o susto do corpo con varios disparos que se marchaban fóra por pouco por parte de Hélder, Charly e Novoa. O Alzira defendíase ben e buscaba facer dano nunha contra, e así foi como chegou o tanto dos visitantes tras unha boa saída conducida por Javi Sena e que cun forte disparo cruzado por baixo lograba bater a Coro.

Cos ánimos da afección, O Parrulo lanzouse a por o empate atacando sen cesar e con Wilson Francia e Rubén Orzáez exercendo de porteiro-xogador en cada ataque local. Adri rozaría o empate cun disparo axustado que superaba a Serra, pero o balón golpeaba en Kevin Chis cando se ía a coar na portería e a falta dun par de minutos Wilson Francia gozaría dunha boa ocasión cando estrelou o balón no pau da portería defendida polo Alzira.

O partido chegaba ao seu fin coa vitoria do Alzira por 0-1 e privaba aos ferroláns de disputar a final polo ascenso ante o outro equipo clasificado para a última rolda, o Pescados Rubén Burela. O Parrulo despedía así unha gran tempada á que só lle faltou a guinda co ascenso e ademais, tras o asubío final, o club e a afección puideron despedirse de Hélder, que a próxima tempada formará parte do Jaén.

RESULTADO: O Parrulo Ferrol 0-1 Family Cash Alzira

O PARRULO: Coro, Hélder, Adri, Rubén Orzáez e Iván Rumbo; tamén xogaron Novoa, Charly, Wilson Francia, Kevin Chis e Keita.

FAMILY CASH ALZIRA: Porky, Carlitos, Peiró, Javi Sena e Castejón; tamén xogaron Joan, Rubi, Pedro, Naranjo, Serra, Parreño e Gabri Pastor.

GOLES: 0-1 Javi Sena (32′).

ÁRBITROS: Kepa Díez e Xabier Huarte. Amoestaron aos locais Adri e Kevin Chis e ao visitante Peiró.

INCIDENCIAS: Terceiro patido das semifinais de ascenso a Primeira División celebrado no Pavillón da Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Berto, o “camero” do Somozas

Se xuntamos defensa e gol, lembramos ao camero Sergio Ramos, pero se engadimos Somozas, temos a Alberto Rodríguez Fernández, “Berto” (Ferrol, 2000), que se destapou