Un pinchazo pola mañá e un posterior problema mecánico impiden ao piloto da Laracha aproveitar todo o potencial do seu Skoda Fabia R5 Evo.
Daniel Remuiñán e Álvaro Cerqueiras completaron unha dura e complicada edición do Rallye de Pontevedra, na que a fortuna volveu dar as costas ao equipo coruñés. Tras chegar coa máxima motivación e un ritmo prometedor, unha sucesión de imprevistos ao longo da xornada impediu que o piloto da Laracha puidese loitar polos postos de privilexio que por velocidade lle corresponden dentro do Campionato Galego de Ralis.
A carreira complicouse moi cedo para os do Skoda Fabia R5 Evo. Un inoportuno pinchazo no primeiro treito da mañá fíxolles perder unha gran cantidade de tempo, botando por terra calquera opción de pelexar pola clasificación xeral desde o inicio. Malia o golpe moral, Remuiñán demostrou a súa teimosía mantendo a súa participación na proba co único obxectivo de rodar, sumar quilómetros e facer gozar aos afeccionados nas esixentes especiais pontevedresas.
Porén, a situación agravouse na segunda metade da competición ao aparecer un problema mecánico que desluciu por completo a súa actuación, obrigándoos a rodar en inferioridade de condicións e sen a posibilidade de aproveitar ao máximo as prestacións do vehículo checo.
Tras unha fin de semana tan complicada no que atinxe aos resultados, o equipo xa mira cara ao futuro con optimismo e ganas de desquite. A prioridade absoluta pasa agora por poñer a punto o vehículo para afrontar a seguinte cita do calendario autonómico con plenas garantías de fiabilidade.
«Foi un rali moi complicado porque non puidemos demostrar nada do noso ritmo. O pinchazo deixounos fóra de xogo ás primeiras de cambio e, cando intentabamos recuperar sensacións e desfrutar duns treitos que eran impresionantes, un problema mecánico impediunos rodar con comodidade», analiza Daniel Remuiñán. «Son refachos que se dan nas carreiras, pero non nos imos vir abaixo. Agora toca recuperarse, traballar xunto con todo o equipo e poñer o Skoda a punto ao cen por cen para volver con máis forza na próxima carreira».
Foto: Daniel Remuiñán




