A terceira xornada foi a última disputada polos deportistas destas categorías antes dos seus respectivos campionatos galegos.
Unha semana despois de que o fixesen os absolutos e os máster, os deportistas infantís, cadetes e xuvenís do Club Sysca tamén competiron na terceira xornada da liga galega de piscina de salvamento e socorrismo. Para estas categorías supuxo a última competición antes dos seus campionatos galegos. No caso dos infantís será o 21 de febreiro na Piscina Municipal de Riazor, mentres que os cadetes e xuvenís farán o propio os días 7 e 8 de marzo en Caldas de Reis.
Os infantís desprazáronse ata Arteixo para competir o sábado pola tarde. Na proba de 50 metros remolque de manequín, Jaime Buño impúxose na categoría masculina, mentres que Belén Puñal foi terceira na feminina. Nas probas individuais restantes, tanto nos 100 metros remolque de manequín con aletas como nos 100 metros socorrista, Belén volveu terminar en terceira posición. Pola súa banda, en 100 metros remolque de manequín con aletas, Ada Quintela foi quinta e, nos mozos, Jaime e Nicolás Cerviño terminaron en cuarto e sexto lugar, respectivamente. Nos 100 metros socorrista masculino, o máis destacado foi a terceira praza lograda por Jaime. No relevo socorrista mixto, os catro integrantes do equipo acabaron en segundo posto.
No que a cadetes e xuvenís respecta, competiron o domingo pola mañá, de novo na piscina Carballo Calero. Na categoría cadete, Rodrigo Barca gañou os 100 metros remolque de manequín con aletas e foi segundo nos 200 metros supersocorrista, mesma posición lograda por Clara Tasende nos 100 metros remolque de manequín con aletas. Ademais, na devandita proba, Laura Rodríguez, Elena Vázquez e Carla Lema foron cuarta, quinta e sexta, respectivamente. Xa nos 200 metros supersocorrista, Clara terminou en terceira posición e Laura foi cuarta, mentres que nos mozos, ademais de Rodrigo, tanto Teo Periscal, cuarto, como Leo Vega, quinto, tamén tiveron un bo papel. O relevo masculino do Sysca se impuxo aos seus rivais no 4×25 remolque de manequín, mentres que no relevo socorrista mixto tivéronse que conformar coa terceira praza.
Pola súa banda, nos xuvenís, dous dos nomes propios da xornada foron os de Marta Eirís, primeira nos 100 metros remolque de manequín con aletas e cuarta nos 200 metros supersocorrista, e Mateo Cerviño, segundo na proba de supersocorrista e terceiro na de remolque de manequín con aletas. Noa Rodríguez tamén asinou unha boa actuación cun cuarto posto na proba de remolque de manequín con aletas e unha quinta posición na de supersocorrista. Tanto o relevo feminina como o masculino acabaron segundos no 4×25 remolque de manequín.
Info e foto: Club Sysca




