Este pasado sábado, 17 de maio de 2025, Outes converteuse nun referente do atletismo popular coa celebración da XVI Carreira Pedestre organizada pola Concellería de Deportes do Concello de Outes. A cita reuniu a centos de participantes que puideron escoller entre tres percorridos adaptados a diferentes niveis: 10K, 3K e 1K.
Paralelamente ás carreiras de 3K e 1K, no Campo Municipal do Conchido celebrouse a II Mini-Olimpíada, destinada aos máis cativos. Máis de 100 nenos, de idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos, viviron o seu primeiro contacto co atletismo a través de probas de lanzamento, saltos, relevos e outras disciplinas. Unha auténtica delicia ver a ilusión e enerxía dos máis pequenos nunha xornada que fomenta valores deportivos e diversión ao aire libre.
O evento contou co apoio fundamental do Club Atletismo Outes, Protección Civil Outes, Revoltas Ciclistas, CF A Riola, AD Xogando e Outes FC, garantindo unha organización impecable e un ambiente animado ao longo de toda a xornada.
A entrega de trofeos contou coa presenza de Francisco Calo, alcalde de Outes; Tono Caamaño, concelleiro de Deportes; e José Buján en representación do Club Atletismo Outes. Durante o acto recoñeceuse o esforzo dos participantes e a excelente competición desta edición.
Na proba principal de 10K, os grandes vencedores foron Alberto García, que se alzou co primeiro posto, seguido por Rubén Caamaño e Ricardo León, completando o podio masculino. Na categoría feminina, o ouro foi para Marinela Mayo, mentres que Verónica Noya e Shaila Muñiz ocuparon a segunda e terceira posición, respectivamente.
Desde a Concellería de Deportes destacaron a gran acollida do evento e o entusiasmo mostrado polos participantes e espectadores. “Foi marabilloso ver como a comunidade se implicou, facendo desta carreira e da Mini-Olimpíada unha verdadeira festa do deporte”, afirmaron os organizadores.
Info e fotos: Concello de Outes





