Recepción institucional ao equipo sénior da Escola Lubiáns, que fai historia ao acadar o ascenso á OK Liga Prata

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, ofreceron este venres unha recepción ao equipo sénior do club Escola Lubiáns en recoñecemento ao seu recente ascenso á OK Liga Prata.

É un fito histórico para Carballo ter un equipo en división de prata, pero non se trata só de recoñecer o que fai o primeiro equipo senón todo o traballo que se está a realizar dende as categorías de base”, dixo Marcos Trigo, e por iso no acto institucional participou unha ampla representación das distintas categorías do club, tanto de hóckey a patíns coma de patinaxe artística. Nese sentido, o capitán do equipo, Fabián Suárez, agradeceu o recibimento e asegurou que Escola Lubiáns “é como unha familia”.

Os integrantes do equipo sénior asinaron no Libro de Honra e o alcalde fíxolle entrega ao seu capitán do simbólico carballo de Sargadelos, cuxa presenza cada vez en máis vitrinas de entidades e deportistas individuais é un reflexo do gran nivel deportivo que existe no noso concello. “Levastes o nome de Carballo e da nosa Ponte Lubiáns a un nivel altísimo. A próxima temporada toca competir na segunda categoría, que é un feito histórico: ningún equipo de Carballo chegou a ese nivel competitivo. As miñas felicitacións para todas as persoas que fixeron isto realidade, e para os e as que veñen detrás, porque isto ten que ser un traballo continuo. Oxalá sexa o primeiro de moitos éxitos máis para a Escola Lubiáns e para Carballo”, desexou Evencio Ferrero.

O acto, celebrado no salón de plenos, rematou cunha foto de familia e coa presentación do Festival de Patinaxe que se celebrará este domingo, de 18.00 a 21.00 horas, no pavillón municipal Carballo Calero. Non o perdades, porque será un gran espectáculo!

Info e fotos: Concello de Carballo

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas