O Parrulo levou o partidazo da 17ª xornada ante o Unión África Ceutí tras impoñerse cun tanto de Novoa a falta de trinta segundos para poñer o definitivo 7-6 no electrónico.
Os ferroláns chegaban á 17ª xornada da Segunda División FS coa necesidade de sacar os tres puntos tras lograr só un de seis posibles nas dúas últimas xornadas nas que empatou co Melistar e perdeu ante o Sala 5 Martorell. En fronte, recibían a un rival directo pola permanencia como o Unión África Ceutí nun duelo no que os de Gerard Casas non contaban cos arxentinos Mati Starna e Nico Rosa, e o xaponés Keita, convocados coas súas respectivas seleccións. O técnico do conxunto galego, que para este encontro incluíu na convocatoria aos xuvenís Hugo Beceiro, Borja e Oti, formou o seu quinteto con Manu Aguayo, Novoa, Domingos, Iván Rumbo e Rubén Orzáez, mentres que Pepe Narváez saíu con Alejandro, Nacho Torres, Menzéguez, Abraham e Meira.
O partido arrincou da mellor maneira para os intereses ferroláns, pois tras o asubío inicial e mentres gran parte do público aínda se estaba acomodando nos seus asentos, O Parrulo marcaba no primeiro ataque, fusilando Rubén Orzáez a Alejandro desde dentro da área. Os ferroláns dominaban o xogo e presionaban moi arriba dificultando o xogo do rival, e cando parecía que o segundo tanto podería chegar, Hélder enganchaba unha volea tras un saque de esquina que sorprendía a Aguayo cun tiro cruzado para igualar a contenda.
Aos seis minutos de encontro, O Parrulo púidose adiantar no marcador cun disparo de Turbi que se coa baixo as pernas do gardameta e aínda que os ferroláns reclamaron gol, os árbitros consideraron que o balón non traspasara a liña. Os locais seguían dominando o xogo ante un rival que acumulaba a quinta falta con máis de media parte do primeiro tempo por xogarse, pero cada chegada do conxunto ceutí era perigosa e nunha desas aproximacións Hélder volvía marcar ao seu ex-equipo para poñer aos seus por diante no electrónico tras cazar un balón no segundo pau.
Previo ao segundo tanto ceutí, o gardameta Alejandro estrelara un balón no traveseiro e a posteriori ao gol Novoa replicou cun disparo á cruceta. Pero o que non ía fallar era Mauro para poñer as cousas moi costa arriba para O Parrulo cando tras un disparo que Aguayo rexeita, colle o rebote e marca tras un bo detalle técnico ante o porteiro dos ferroláns.
O terceiro tanto deixaba un pouco tocado ao Parrulo, que non conseguía inquietar demasiado o arco defendido por Alejandro, os ceutíes encerrábanse atrás e apenas deixaba espazos, tratando de cazar algunha contra letal que sentenciase o partido, pero nos últimos minutos do primeiro tempo os ferroláns volveron sacar as súas garras e devolveron á igualada ao marcador, primeiro cun tanto de Novoa cun disparo axustado desde a frontal da área, e un minuto despois, aproveitaba Rubén Orzáez un rexeite tras un disparo previo de Gonzalo Santa Cruz para empatar o encontro.
Tras a volta de vestiarios e con todo por decidirse, comezou da mesma maneira que no primeiro tempo, cos ferroláns marcando na primeira xogada tras aproveitar un rexeite Domingos dentro da área. E de novo, os ceutíes replicaron co empate, aínda que esta vez con certa polémica por unha posible falta en ataque, e tras unha mala entrega de Aguayo, Menzéguez non perdoa.
O partido entrou na locura cando na seguinte xogada Nacho Torres adiantaba aos seus desde dentro da área e de novo Rubén Orzáez empataba o encontro 5-5 chegando desde segunda liña para asinar o seu hat-trick. O Parrulo puido volver poñerse por diante tras unha condución de Domingos que termina disparando, Alejandro rexeita e Víctor Montes estrela o balón no corpo do gardameta, que tapa moi ben.
O premio á perseveranza atoparíao o conxunto ferrolán cando nun saque de esquina chegou Iván Rumbo desde atrás para enganchala de primeiras e volver poñer por diante aos seus. O partido estaba moi aberto, cos de Gerard Casas apertando en busca dun gol máis que dese tranquilidade e os de Pepe Narváez esperando atrás para saír á contra. Ían ser precisamente estes últimos os que empatasen o encontro nunha xogada individual de Menzéguez, que se zafa de Turbi para anotar no man a man ante Aguayo.
Cando restaban 30 segundos para finalizar o encontro e todo parecía destinado ao empate, apareceu Novoa cunha das súas xogadas individuais rebosantes de calidade, driblando á súa marcaxe e soltando un forte disparo cruzado ante o que nada puido facer Alejandro para darlle os tres puntos aos ferroláns nun auténtico partidazo dos que fan afección.
O PARRULO: Manu Aguayo, Novoa, Domingos, Iván Rumbo e Rubén Orzáez; Turbi, Morgato, Gonzalo Santa Cruz e Víctor Montes.
UNIÓN ÁFRICA CEUTÍ: Alejandro, Nacho Torres, Menzéguez, Abraham e Meira; Miguel Ángel, Anaya, Hélder e Mauro.
GOLES: 1-0 Rubén Orzáez (1′), 1-1 Hélder (3′), 1-2 Hélder (10′), 1-3 Mauro (13′), 2-3 Novoa (18′), 3-3 Rubén Orzáez (19′), 4-3 Domingos (20′), 4-4 Menzéguez (21′), 4-5 Nacho Torres (23′), 5-5 Rubén Orzáez (23′), 6-5 Rumbo (29′), 6-6 Menzéguez (36′) e 7-6 Novoa (39′).
ÁRBITROS: Gael García Schmitt, Jesús Montero Galán, Álvaro Sobral Moreno (árbitro 3) e Clara Díez Gil (cronometradora). Amoestaron ao local Víctor Montes e Iván Rumbo, e aos visitantes Menzégez e Miguel Ángel.
INCIDENCIAS: Partido da 17ª xornada da Segunda División Fútbol Sala celebrado no Pavillón A Malata.
Foto: sadmoody241