Un bo Baxi Ferrol non pode levar o derbi e cae ante o Durán Maquinaria Ensino

O Baxi Ferrol cae no derbi galego por un axustado 67-69 ante o Durán Maquinaria Ensino e encaixa a quinta derrota consecutiva na Liga Feminina Endesa.

O conxunto dirixido por Lino López chegaba á undécima xornada buscando romper a mala dinámica de catro partidos consecutivos sen sumar vitorias e enfronte chegaba o Durán Maquinaria Ensino de Antonio Pernas con tres vitorias no últimas tres xornadas disputadas e que ademais da emoción de ser un derbi galego, tamén contaba coa volta dunha exxogadora do Baxi moi querida como é Natalia Rodríguez. As ferrolás saían co quinteto conformado por Ángela Mataix, Rachel Howard, Marta Gómez, Myah Selland e Marianne Kalin, mentres que o conxunto lucense saíu con Imane Tate, Natalia Rodríguez, Ane Olaeta, Bridget Herlihy e Lydia Giomi.

O partido arrincou moi eléctrico desde o primeiro minuto e comezou mandando o Baxi cun triplo de Rachel Howard ao que respondeu Imani Tate, que tras varias canastras poñía ás súas por diante moi pronto, aínda que as ferrolás dábanlle a volta cun triplo de Howard e tres seguidos de Marta Gómez que facían tolear á afección. Os minutos seguían pasando e o Baxi dominaba o encontro ata o son da bucina que indicaba o final do primeiro cuarto co resultado de 22-17 favorable ás de Lino López.

O segundo cuarto comezou con tres canastras consecutivas para o Ensino, que se poñía por diante, pero un triplo de Gala Mestres devolvía a vantaxe ás ferrolás, que ampliaban a distancia cunha canastra de Julie Pospisilova e posteriormente cun triplo que levaba o marcador a 30-23 con seis minutos por xogarse. Tras varios ataques locais errados e un bo acerto ofensivo das visitantes, o Ensino poñíase por diante 33-34 cunha canastra e tiro adicional de Giomi. O conxunto de Antonio Pernas crecíase nos minutos finais e marchábase ao descanso cunha vantaxe de sete puntos co resultado de 38-45.

O terceiro cuarto comezou con Myah Selland anotando un dos dous tiros libres. O Baxi buscaba meterlle un ritmo alto ao encontro, pero o Ensino respondía con canastra de Giomi. No ecuardor do cuarto, un triplo de Ángela Mataix deixaba ao Baxi tres puntos abaixo do marcador. O público empuxaba ás súas en cada ataque e trataba de meter presión ás rivais, e máis cando Kalin deixaba ao Baxi a tan só un punto por baixo con catro minutos por diante. O Ensino estaba a pasar malos minutos e as ferrolás cheiraban o sangue, logrando empatar o encontro cun tiro libre de Claudia Soriano e poñéndose por diante con outro anotado por Gala Mestres. Cando parecía que o Baxi poderíase levar a vantaxe ao último cuarto, varios erros en ataque das locais, unido ao acerto das visitantes, propiciaron que o Ensino recuperase a vantaxe e finalizase este período cun 53-58.

O último cuarto arrincou cunha canastra en cada lado. Os dous conxuntos galegos estaban a protagonizar un intenso derbi. O Baxi buscaba a remontada e poñíase a tres puntos por baixo e Giomi fallaba os dous tiros libres, o que propiciaba que no seguinte ataque ferrolán, un triplo de Anniina Aijanen igualaba o encontro. O Ensino repoñíase da fochanca e de novo tomaba a dianteira, índose a catro puntos de vantaxe con minuto e medio para finalizar o encontro. Unha canastra de Mataix daba esperanzas ao conxunto ferrolán, pero na última xogada do partido non lograron anotar, finalizando o partido con vitoria do Ensino por 67-69.

O Baxi Ferrol non conseguiu poñer fin á mala serie de resultados e encaixou a quinta derrota consecutiva na liga Feminina Endesa. Na próxima xornada as de Lino López visitarán ao Barça CBS.

RESULTADO: Baxi Ferrol 67-69 Durán Maquinaria Ensino

BAXI FERROL: Ángela Mataix (7), Rachel Howard (17), Marta Gómez (9), Myah Selland (1) e Marianne Kalin (2); Gala Mestres (10), Jessica Féquière (0), Julie Pospisilova (11), Claudia Soriano (3) e Anniina Aijanen (7).

DURÁN MAQUINARIA ENSINO: Imani Tate (10), Ane Olaeta (0), Natalia Rodríguez (4), Bridget Herlihy (2) e Giomi (5); Esther Castedo (2), Laia Lamana (9), Blanca Millán (18), Cecilia Muhate (6) e Beatriz Sánchez (13).

CUARTOS: 22-17; 38-45 (16-22); 53-58 (15-13); 67-69 (14-11).

ÁRBITROS: Mikel Cañigueral Novella, María Ángeles García Crespo e Nicolás Murillo Khon. Sinalaron 33 faltas, 16 a favor do Baxi Ferrol e 17 en contra.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á undécima xornada da Liga Feminina Endesa celebrado no Pavillón de A Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas