O Baxi Ferrol non logrou a quinta vitoria consecutiva tras caer co Casademont Zaragoza

O Baxi Ferrol plantou cara ata o último segundo na derrota ante o Casademont Zaragoza cun axustado 69-71.

O Baxi presentouse no primeiro encontro do 2024 na Malata cunha serie de catro vitorias consecutivas ante un Casademont Zaragoza terceiro na clasificación e que viña de perder no seu último encontro. Lino saíu co quinteto formado por Ángela Mataix, Gala Mestres, Myah Selland, Marta Gómez e Anniina Aijanen, mentres que as visitantes saíron con Ortiz, Atkinson, Fiebich, Gimeno e Diallo.

O partido iniciou cun triplo de Gimeno para as visitantes e posteriormente outra canastra de dúas da mesma protagonista. Ángela Mataix respondía cun triplo pero os colexiados considerábano fóra de tempo e por tanto invalidábano, aínda que a primeira canastra ferrolá chegaría na seguinte xogada por obra de Myah Selland. Os primeiros minutos servían de tenteo entre dous equipos que saíron a por todas e no que o Casademont sacaba unha leve vantaxe. A falta de oito minutos as visitantes dominaban o marcador con oito puntos de vantaxe tras varias perdas en ataque das locais. O Baxi gozaría da última xornada deste primeiro período, pero Rachel non lograba anotar tras unha boa xogada persoal, co que se chegaba ao final do cuarto co resultado de 10-18.

O segundo cuarto arrincou con canastra de Jessica Fequiere tras un gran pase de Claudia Soriano. As de Lino saíron máis eléctricas e buscaban reducir a distancia de oito puntos, aínda que nos primeiros minutos o Casademont estaba a aguantalo. Con seis minutos por xogarse Rachel Howard anotaba un triplo que deixaba ás ferrolás a cinco puntos. Varias accións defensivas permitían ao Baxi impedir que as visitantes anotasen e Gala íase aos tiros libres para acurtar a tres puntos. O Casademont fallaría catro triplos consecutivos tras capturar os rebotes ofensivos e Gala Mestres volvería á liña de tiros libres para anotar outros dous e deixar ás ferrolás a un só punto con tres minutos por xogarse. Fiebich lograba de novo sacar vantaxe cunha canastra e tiro adicional, pero primeiro Ángela Mataix e posteriormente Myah Selland roubando un balón, empataban o partido. Tras varias boas accións ofensivas o Casademont volvía tomar unha lixeira vantaxe, chegando o partido ao descanso con vitoria visitante por 30-35.

Tras o paso por vestiarios o encontro renovouse con tiros libres de Gervasini. O Baxi respondía rápido cun triplo de Gala Mestres e aos poucos íase impoñendo aos seus rivais ata que a falta de tres minutos Rachel Howard lograba poñer dar a vantaxe ás ferrolás e o público toleaba convertendo o pavillón da Malata nunha pota a presión en cada ataque visitante. O Casademont volvería tomar a vantaxe pola mínima, pero de novo o Baxi lograba impoñerse, chegando aos últimos segundos de xogo do cuarto vencendo por un arriba. Rachel non lograba anotar no último ataque do Baxi e o cuarto finalizaba con vitoria ferrolá por 54-53.

O partido entraba na fase final e o Baxi perdía fol nos primeiros compases. O Casademont aproveitaba a situación do desacerto local e con varios triplos volvía distanciarse a oito puntos. Marta lograba a primeira canastra das ferrolás cun tiro afastado. As de Lino subían revolucións e co paso dos minutos íanse achegando no marcador ata que un triplo de Marta deixábaas a tan só un punto por abaixo con dous minutos para o final. O partido avanzaba e chegaba aos últimos 30 segundos con canastra de Howard que colocaba ao Baxi un arriba e tiro adicional, pero non lograría anotalo. O Casademont respondería con canastra de dúas no seguinte ataque. O Baxi chegaba aos catorce últimos segundos coa posesión, pero Rachel perdía o balón, o Casademont anotaría un tiro libre e na última xogada do partido Claudia Soriano non lograba anotar e as visitantes levarían a vitoria por un axustado 69-71.

RESULTADO: Baxi Ferrol 69-71 Casademont Zaragoza

BAXI FERROL: Ángela Mataix (6), Rachel Howard (18), Marta Gómez (5), Myah Selland (6) e Marianne Kalin (2); Gala Mestres (20), Jessica Féquière (4), Julie Pospisilova (4), Claudia Soriano (4) e Anniina Aijanen (0).

CASADEMONT ZARAGOZA: Mariona Ortiz (4), Vega Gimeno (10), Leonie Fiebich (11), Atkinson (5) e Diallo (4); Ainhoa Lacorzana (11), Holesinska (14), Mikayla Pivec (0), Aleksa Gulbe (2), Nerea Hermosa (6) e Geldof (4).

CUARTOS: 10-18; 30-35 (20-17); 54-53 (24-18); 69-71 (15-18).

ÁRBITROS: Ángel Antonio Albacete Chamón, Leandro Nicolás Lezcano e Aitor Gómez Hernández. Sinalaron 36 faltas, 17 cometidas polo Baxi Ferrol e 19 a favor.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á 16ª xornada da Liga Feminina Endesa celebrado no Pavillón de A Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas