UNAI LARRAÑAGA E DAVID REDONDA: Enaltecen o voleibol da Costa da Morte

Dous nomes propios trae á actualidade a Costa da Morte en voleibol e ambos parten do Voleibol Dumbría.

O primeiro é o líbero Unai Larrañaga Ledo (Dumbría, 2000), xogador do Voley Textil Santanderina que se formou no conxunto dumbriés, que vén de ser medalla de prata coa selección española dos Xogos do Mediterráneo, en Orán, despois da final fronte a Croacia e agora afrontará, durante o mes de agosto, o europeo en Tempere (Finlandia). Na fase de grupos, o combinado está no C e xogará ante Países Baixos, Turquía, Macedonia do Norte, Rusia e Finlandia. Na final dos Xogos do Mediterráneo ambos os finalistas presentaron estes equipos: España: Ruiz (9), Ramón (9), Diedhiou (5), Villena (17), Iribarne (3), De Amo (1), Larrañaga (Líbero). Tamén xogaron: Víctor Rodríguez (4), Chema Giménez (-), Martín (-) e Gimeno (-). Croacia: Visic (1), Nikacevic (5), Sedlacek (15), Sestan (13), Dirlic (16), Mihalj (5), Pervan (Líbero). Tamén xogaron: Mitrasinovic (-). Parciais: 25-22 (29´), 30-28 (37´), 25-20 (26´).

E o outro nome propio é o receptor David Redonda Caamaño “Fedello” (Corcubión, 1998), do Voley Dumbría, que acaba de fichar precisamente polo Voley Textil Santanderina, na máxima categoría do voleibol nacional, a Superliga. Fedello está considerado un dos xogadores de maior proxección do voleibol galego nos últimos anos. Con 24 anos recentemente cumpridos, desenvolveu toda a súa carreira en Voleibol Dumbría, onde acumulou seis tempadas en Superliga 2, e con quen disputou a Copa Príncipe e rozou o ascenso a Superliga na tempada 18/19. En categorías inferiores, conta cun amplo palmarés a nivel de equipo e individual. O xogador defínese a si mesmo “como unha persoa que vive por e para o voleibol”, e mostra diso é que á súa idade xa conta co título de adestrador nivel 2 e exerceu como adestrador de categorías inferiores. Coñecido da afección cabezonense pola súa visita a pasada tempada, conta con 1.78 m. de estatura e ocupará a posición de receptor.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas