UXÍO CANOSA: O deporte nas veas

O camariñán goza, despois de seis anos practicando ciclismo, e atravesa o seu mellor momento no ciclocrós.

Uxío Canosa Canosa (Camariñas, 1981) comezou aos 34 anos a practicar ciclismo, e agora, con 40, está a gozar do seu mellor momento na modalidade de ciclocrós, despois de aventurarse en carreteira e sentir o ciclismo de forma moi forte. Antes xogou ao fútbol e tamén practicou tenis.

Que tempo leva practicando ciclismo?
Levo no ciclismo dende hai seis anos. Antes de competir en ciclismo xoguei ao fútbol, como todo o mundo. Así, estiven en conxuntos como o Camariñas CF, Atlético Pereiriña ou Xaviña, entre outros. Tamén xoguei ao tenis durante dous anos na USC.

Como foi a súa infancia?
A miña infancia paseina en Camariñas, máis concretamente en Buría, onde estudei o EGB, bacharel e COU. Despois fun para a Laboral e ao rematar fixen un ciclo superior de electrónica. Aos 20 anos comecei a traballar e estiben moi apartado do deporte.

Como foi volver ao deporte?
Curiosamente foi por unha aposta que fixen cuns amigos que formamos parte dos BTT Reira. Foi un 16 de xullo do 2016. Así púxenme as pilas no mundo da bicicleta e así estou ata o día de hoxe.

Cando comezou a competir?
Comecei no 2017 correndo unhas poucas carreiras, no 2018 xa corrín o circuíto completo.

Seguinte paso na súa traxectoria?
Fichei polo Club Ciclista Os Esfola Arrós, de Ames (OEAS), cos que xa corrín as miñas primeiras Transgalaicas, Copa Galicia de BTT, o meu primeiro Ézaro de estrada.

Estar no OEAS supuxo máis?
Dende logo, xa que no club puiden participar de novo nas Transgalaicas, campionato galego de Maratón, Copa Galicia (rematei na cuarta posición na categoría elite). Tamén corrín as miñas primeira carreiras de ciclocrós.

Houbo cambio de club?
Si. Fichei no 2018 polo Club Ciclista Tres Lúas, de Valdeorras, onde ademais de correr as carreiras de Galicia, puiden participar tamén en probas UCI, como Andalucía Bike Race, na que rematei no posto 34 categoría Máster 30 e 105 da xeral. Este ano puiden compartir equipo cun mito do BTT galego como é Brandán Márquez. E formado parella con Jory, gañariamos as 12 horas de Carballo e quedamos segundos da Douro Bike Race. No 2018 foi a miña primeira tempada seria de ciclocrós rematando a Copa Galicia e o campionato galego en quinta posición, e sumando varios podios máis.

Como iniciouse no ciclocrós?
Comecei a practicalo fai 3 tempadas, é dicir, no 2019, seguindo os pasos dun gran amigo, Nando Guerra, que agora milita no equipo de BTT Extol. No 2019, de volta ao OEAS, puiden gañar co meu compañeiro de aventuras o circuíto nacional de BTT 101 Iron Bike Ghost, quedamos segundos na proba por parellas máis importante de Galicia Turonio. No Ciclocrós rematei quinto na Copa Galicia na que fixen varios podios, e quedei segundo no campionato Galego Máster 30.

Como foi o ano 2020?
Sigo no OEAS e comezou moi ben co segundo posto na Liga de Resistencia de 6 horas, pero todo truncaríase a raíz do Covid-19. Ao final, a única competición que se celebrou foi a de ciclocrós, na que rematei quinto na Copa e terceiro no Campionato Galego M40.

No actual 2021 no ciclocrós?
Puiden gañar, co meu compi de aventuras Jory, a Volta a León BTT e tamén con outro camariñán, Anxo Romar, o Xures BTT. Está sendo a miña mellor tempada, en sensacións, resultados e abrigo respecto a nivel da grella (en Galicia temos o primeiro e o segundo da clasificación de España, Andrés Calvete e Tami).

Que nivel hai en Galicia?
O nivel co que estase correndo na categoría M40, na que estou, é incrible, hai un grupo de 5 ou 6 corredores que podemos optar a estar no podio. Este ano levo varios podios e ganei a miña primeira carreira en Santiago, pódese dicir que no xardín da miña casa. Foi algo máxico a verdade. Verme aí pelexando de xeito conxunto contra o número un da clasificación de España, loitando ata a última volta, gañando e perdendo posición a cada pouco.

Que significa o ciclocrós?
Non teño palabras. No que respecta ao ciclocrós os entrenos son moi diferentes ao resto de modalidades de ciclismo, isto é como a F1, son 40 minutos e tes que facelo todo a full, non podes fallar en nada. Ao final hai que facer moitas horas de circuíto para ter técnica e moitas series de intensidade alta para ter o motor sempre a punto.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Berto, o “camero” do Somozas

Se xuntamos defensa e gol, lembramos ao camero Sergio Ramos, pero se engadimos Somozas, temos a Alberto Rodríguez Fernández, “Berto” (Ferrol, 2000), que se destapou