Dumbría volveu converterse no epicentro da aventura e da superación coa celebración da sexta edición do Cros de Obstáculos Terras do Vákner.
Organizada polo Concello de Dumbría en colaboración co equipo ConcoBox, a proba reuniu numerosos deportistas dispostos a desafiar un percorrido cheo de dificultades, onde a resistencia, a forza e a determinación foron tan importantes como a velocidade. Entre neumáticos xigantes, cordas, redes, foxos de lama e auga e múltiples obstáculos distribuídos ao longo dos dous circuítos, o curto de 3,75 quilómetros e o longo de 7,5, os participantes tiveron que superar unha auténtica batalla contra o terreo e contra os seus propios límites.
Na distancia longa masculina, a vitoria foi para Moisés Bereijo, que completou o percorrido en 00:49:35. Tras el chegaron os integrantes do ConcoBox Adrián Suárez, segundo con 00:50:49, e Javier Barrientos, terceiro con 00:50:50. Na categoría feminina, Paula Esteiro, do ConcoBox, impúxose cun tempo de 01:04:30. A segunda posición foi para a súa compañeira Danel de Vries, con 01:06:47, mentres que Cristina López completou o podio cun rexistro de 01:17:24.
No circuíto curto, Martín Villar foi o máis rápido da xornada ao cruzar a meta en 00:27:55. Diego Blanco ocupou a segunda posición con 00:29:37 e Diego Lema foi terceiro con 00:30:19. Entre as mulleres, Tamara Blanco, do ConcoBox, levou a vitoria cun tempo de 00:36:18. Serena Iannone, do AD Olimpia, foi segunda con 00:36:25, a tan só sete segundos da vencedora, mentres que Ainoa García rematou terceira con 00:39:10.
Así, entre compañeirismo e superación, o Terras do Vákner volveu ofrecer unha xornada inesquecible.
Foto: Concello de Dumbría




