XI Pedestre Concello de Muxía: Fran Pais e Tina Fernández impuxeron a súa lei na proba raíña

A terra muxiá converteuse unha vez máis no escenario dunha xornada inesquecible de deporte e superación coa celebración da XI Pedestre Concello de Muxía, sexta parada do circuíto Correndo pola Costa da Morte.

Baixo un ceo cómplice e coa bravura do Atlántico como testemuña, centos de atletas desafiaron o percorrido nunha cita que xa forma parte da identidade deportiva da Costa da Morte.

O momento máis emotivo chegou antes do inicio da competición. O pistoletazo de saída correu a cargo de Barca Toba, xogadora do conxunto feminino do Muxía, recentemente proclamadas campioas de liga e ascendidas de categoría á Primeira Galega. Arroupada por integrantes do seu equipo e tamén do elenco masculino, flamantes gañadores da Copa da Costa, simbolizou a unión e a forza dun club que vive un dos seus momentos máis gloriosos. O público respondeu cunha longa ovación, recoñecendo os éxitos acadados por ambas escadras e convertendo a saída nunha auténtica homenaxe ao traballo, á constancia e ao sentimento dun pobo orgulloso dos seus deportistas.

Na proba raíña dos 10 quilómetros, a batalla foi intensa desde os primeiros metros. Fran Pais impuxo o seu ritmo con autoridade para cruzar a meta en primeiro lugar cun tempo de 00:33:06. Tras el, o deportista Isma García loitou ata o final para asegurar a segunda posición con 00:34:16, mentres Pedro Gómez completou o podio apenas dous segundos despois, cun rexistro de 00:34:18. Cada cambio de ritmo foi respondido con determinación polos favoritos, ofrecendo unha loita vibrante que mantivo a emoción ata os últimos compases do percorrido.

Entre as mulleres, Tina Fernández protagonizou unha actuación memorable, dominando a carreira para vencer cun excelente tempo de 00:38:48. A segunda en cruzar a meta sería Antía García que rexistraría unha marca de 00:41:12, mentres Elena Miguens completou o podio feminino ao deter o cronómetro en 00:41:55.

A velocidade e a explosividade tamén tiveron o seu protagonismo na distancia de 3 quilómetros. Nicolás Iglesias voou sobre o asfalto para conquistar a vitoria masculina cun tempo de 00:09:38. Carlos Fraga, con 00:09:51, e Luis Miguel Feito, con 00:10:03, acompañárono nos postos de honra.

En canto á categoría feminina, Alejandra Formoso mostrouse intratable e levou o triunfo da undécima edición da carreira muxía cun tempo de 00:11:16. Varios segundos despois, chegaría á meta Xulia Vidal, que acadaría a segunda praza con 00:11:34 e despois, Martina Tasende sería terceira con 00:12:31.

Foto: Concello de Muxía

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas