Cando se fala dos grandes nomes do tiro deportivo galego, o nome de Víctor Manuel Domínguez Gesto ocupa un lugar de honra.
O dumbriés construíu ao longo dos anos unha traxectoria exemplar, converténdose nun referente indiscutible para A Costa da Morte e nun dos tiradores máis respectados do panorama autonómico e estatal. Xunto ao seu irmán Fabián Domínguez Gesto, protagoniza unha historia de éxito e dedicación que transcende xeracións e continúa engrandecendo o deporte galego.
A súa traxectoria está escrita con letras de ouro tras ser cinco veces campión galego de foso olímpico, dúas veces da Copa Galicia e cinco veces campión galego de regularidade de foso olímpico, Víctor construíu un palmarés ao alcance de moi poucos. A todas estas fazañas súmanse un título galego de foso universal, outro de regularidade de minifoso, once campionatos galegos por equipos de foso olímpico e numerosos triunfos provinciais que certifican unha incrible carreira marcada pola excelencia.
O seu talento tamén brillou máis aló das fronteiras galegas. Foi campión da Copa de España en segunda categoría e proclamouse campión de España de minifoso en primeira categoría, culminando unha serie de éxitos que lle valeron o recoñecemento como Mestre Tirador, unha distinción reservada aos máis grandes deste deporte.
Pero os campións non viven só das glorias pasadas. Nesta tempada, Víctor continúa demostrando a súa vixencia entre unha xeración de tiradores cada vez máis competitiva. Así o explica el mesmo: “Aínda faltan varias competicións para finalizar a tempada, pero estou moi satisfeito xa que hai moitísimo nivel e grandes tiradores en Galicia. Ademais, aínda quedei fai uns días campión provincial da Coruña de foso olímpico”.
Con humildade, precisión e unha paixón inquebrantable, Víctor segue escribindo a súa lenda. Un referente para Dumbría, para A Costa e para todo o tiro deportivo galego e español.




