Bisbarra en xogo rematou a tempada entregando once galardóns xunto aos seus patrocinadores

A revista Bisbarra en Xogo celebrou unha nova edición dos seus tradicionais trofeos anuais, unha iniciativa que continúa poñendo en valor o talento deportivo da Costa da Morte e de Ferrolterra grazas á colaboración dos seus patrocinadores Ramacar Muros, Vinoteca Verxel, Cervecería d’Mara, Idm Pereira, Cristalbox, Lonxa D’Alvaro, Dispesán Café, Cafetería Monterrey, Escudo Tierra y Mar e VO Ferrol.

Este ano despedimos a tempada coa entrega dun total once galardóns, algúns novos e outros que repetían edición, onde proclamáronse vencedores Bruno Romero, Pablo Pose, Eva Lema, Kenny, Mario Rodríguez, Dieguito, Paula Fandiño, Moira Joiner, Diogo, Tere e Claudia Cumbrao.

Nesta tempada tivo lugar a segunda edición do trofeo ao máximo goleador do grupo costeiro da Segunda Futgal, patrocinado por Ramacar Muros. O galardón recaeu en Bruno Romero, do Porteño, que sumou 23 goles. O evento realizouse nas instalacións de Foto Fuentes Cee, onde o xerente de Ramacar Muros, José Antonio Rama, e o director da revista, José Pena, entregaron o trofeo a Bruno. No acto tamén estiveron o presidente do Porteño, Manuel Santos, o directivo Celestino Lema, e Andrea, esposa do futbolista.

A segunda edición do trofeo ao máximo artilleiro dos equipos da Costa da Terceira Futgal, patrocinado pola Vinoteca Verxel, foi para Pablo Pose, do Coristanco, que asinou 36 tantos ao longo da campaña. O acto celebrouse no propio establecemento patrocinador, sendo José Manuel Serrano, o seu xerente, e José Pena, os encargados de facerlle entrega do recoñecemento.

O fútbol feminino tamén tivo un protagonismo destacado. A Cervecería d’Mara volveu patrocinar os galardóns ás máximas goleadoras costeiras. Na Segunda Galega Feminina, Eva Lema, do Muxía, conquistou a terceira edición do premio tras marcar 57 goles, revalidando o título da pasada tempada, e Kenny, do Soneira, fíxose coa segunda edición do trofeo correspondente á Terceira Galega Feminina grazas aos 47 tantos. A entrega celebrouse na Cervecería d’Mara por parte do xerente Fernando Mara, e José Pena, e contou cunha notable asistencia: polo Concello de Vimianzo estivo a alcaldesa, Mónica Rodríguez, a concelleira de Benestar Social, María José Pose, e o concelleiro de Deportes, Sergio Miñones; do Concello de Muxía, a tenente de alcaldía e concelleira de Deportes, Sandra Vilela; polo Soneira, o adestrador Roland Caamaño e membros da directiva; do Muxía, o seu presidente Juan José Busto; e polo Xallas, o presidente Sergio Doro e as capitás Mery e Oli. A presenza de todos/as contribuíu a realzar unha xornada de recoñecemento ao esforzo e ao talento do deporte costeiro.

Outro dos actos correspondeu á cuarta edición do trofeo ao máximo goleador do grupo A Costa da División de Honra de Veteranos, patrocinado por IDM Pereira SL. O vencedor foi Mario Rodríguez, futbolista do San Ramón, que asinou unha extraordinaria campaña ao alcanzar os 46 goles. Trátase ademais do seu segundo recoñecemento de Bisbarra en Xogo, despois de conquistar tamén a segunda edición deste premio na tempada 2023/24. A entrega celebrouse no Municipal da Laracha, onde o xerente de IDM Pereira SL, Manuel Pereira, acompañado da súa filla Lola Vázquez, xogadora do Xiria Volei, e do director da revista, José Pena, fixeron entrega do galardón ao goleador do conxunto larachés.

Tamén alcanzou a súa cuarta edición o trofeo ao máximo artilleiro dos Veteranos da Primeira Galicia da Costa, patrocinado por Cristalbox. Nesta ocasión, o premio foi para Dieguito, xogador do Corme, que completou unha gran tempada ao sumar 32 dianas. O acto desenvolveuse nas instalacións de Cristalbox, onde o xerente da empresa, Miguel Ángel Trigo, e o director da nosa revista, José Pena, entregaron o trofeo ao futbolista do cadro cormelán.

O sétimo galardón da presente campaña estivo destinado á máxima goleadora do Fisober, un premio patrocinado pola Lonxa D’Alvaro. A vencedora volveu ser Paula Fandiño, que por segundo ano consecutivo proclamouse a máxima realizadora do equipo ao alcanzar os 36 goles ao longo da tempada. O evento realizouse no local patrocinador, facendo entrega do trofeo o xerente da Lonxa D’Álvaro, Álvaro Rodríguez, que estivo acompañado por José Pena. O acto contou tamén coa presenza do adestrador do Fisober, Fran Toba “Pioto”, da xogadora do seu equipo, Carla Lago, e da tenente de alcaldía e concelleira de Deportes do Concello de Muxía, Sandra Vilela, que volveron amosar o seu apoio a unha iniciativa que segue recoñecendo o valor do deporte e dos deportistas da comarca.

En Ferrolterra repartimos esta tempada catro trofeos, comezando pola terceira edición da máxima anotadora do Baxi Ferrol, que nesta ocasión foi patrocinado por Dispesán Café. A xogadora norteamericana, con 369 puntos, foi a vencedora, recibindo o trofeo ao final do encontro correspondente á última xornada da Liga Feminina Endesa, onde o representante da revista, José Pena, e da entidade patrocinadora, Pepe, fixeron a entrega do galardón.

Outro dos premios foi o correspondente á cuarta edición ao máximo goleador de O Parrulo, que unha vez máis, estivo patrocinado pola Cafetería Monterrey. O vencedor deste ano foi Diogo, conquistando o premio cun total de 22 dianas. O xogador do conxunto ferrolán recibiu no local da entidade patrocinadora o galardón da man da xerente María Santiago, nun acto no que tamén estiveron presentes o director da revista, José Pena, o xerente da cafetería, Luis, o xefe de prensa do conxunto ferrolán, Adán Puentes, e a integrante do equipo de comunicacións do club, Aida Fonticoba.

Esta tempada tivemos como novidade en Ferrolterra a primeira edición do trofeo á máxima goleadora do Valdetires, patrocinado por Escudo Tierra y Mar. A gañadora foi Tere, que acadou un total de 21 tantos. O acto tivo lugar no local patrocinador, onde Tere recibiu o galardón de mans do xerente Antonio Pérez, onde tamén estiveron o director da revista José Pena, o deseñador e redactor da mesma, Rafael Villares, e a presidenta do club ferrolán, Laura García.

Tamén foi novidade a primeira edición do trofeo á máxima goleadora de Ferrolterra da Terceira Galega Feminina, que tivo como patrocinador a VO Ferrol, que nas campañas anteriores tamén patrocinaba o trofeo da Primeira Galega Arzúa-Ulloa. A vencedora desta primeira edición foi Claudia Cumbrao, xogadora do filial de O Val, que acadou a cifra de 51 tantos. Acompañada polo seu adestrador Jacobo e a delegada Fany, a xogadora recibiu o premio das mans de Camila, filla do xerente de VO Ferrol, Javier Parcero, que tamén estivo no acto xunto a José Pena, director de Bisbarra en xogo, e Rafael Villares, deseñador e redactor das revistas.

Deste modo, Bisbarra en xogo rematou a entrega dos premios unha tempada máis, onde continuamos crecendo con once galardóns. Na vindeira campaña, agardamos continuar con esta bonita iniciativa, e incluso con máis novidades, na que, xunto aos nosos patrocinadores, queremos seguir poñendo en valor aos nosos/as deportistas, clubes e demais integrantes.

Fotos: #fotoschimpi #fotofuentes #sadmoody241 #jmferreiro

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas