O piloto Víctor Senra Carreira (Olveira – Dumbría, 1984) completou un ano 2022 perfecto.
Incrible pensar no mes de xaneiro que podería facer a fazaña que logrou: dous títulos. Un autonómico, co que iguala aos galardóns do ferrolán Germán Castrillón, seis, e supera ao seu pai, Manuel Senra, e outro a nivel nacional. O dumbriés primou a velocidade e, sobre todo, a regularidade ao longo do presente curso. Os erros practicamente non estiveron no seu libro de roteiro e exhibiu ao longo da intensa tempada un nivel de pilotaxe ao alcance de moi poucos.
Así, Víctor Senra, co seu Skoda Fabia de Race Seven, disputou o campionato galego de ralis de asfalto e a Copa de España de Ralis de asfalto (CERA-Recalvi). O seu copiloto habitual foi David Vázquez. No campionato galego, o deportista dumbriés conseguiu gañar seis das nove probas que formaban a tempada. Así subiu ao máis alto do podio no Rali de Noia, Mariña Lucense (Lugo), Pontevedra, Sur do Condado (Salceda de Caselas), Ribeira Sacra (Ourense) e Rali Ribeira – Ría de Arousa, coa súa moza Paula Ramos de copilota. Na primeira cita do ano, o Rali da Coruña, ocupou a segunda posición tras Iván Ares, e en San Froilán (Lugo), a antepenúltima carreira, que correu máis coa cabeza, acabou terceiro ao non necesitar máis para ser o campión. Non competiu na 36º Edición Pazo Tizón, no Carballiño (Ourense).
COPA DE ESPAÑA
Víctor Senra demostrou unha gran regularidade no Rali CERA (Copa de España Rallyes de Asfalto), xa que venceu en cinco citas: Rally do Cocido (Lalín), Narón, Ferrol, Rías Baixas e Norte de Extremadura (Plasencia). Hai que lembrar que no rali Cristian López, en Sarón (Cantabria) non chegou a puntuar, debido a que perdeu o control do seu Skoda Fabia Rally2 Evo nunha zona rápida. Iso implicou que se foi da zona traseira do seu coche e viuse fozado a deixar a proba.
Se Víctor sempre pilotou o seu Skoda Fabia Rally2 Evo, na última cita tivo que recorrer ao seu amigo e rival Iván Ares, para que este deixáselle o seu Hyundai i20 Rally2 para acudir á cita do Norte de Extremadura. Nesa cita tampouco fallou e demostrou que ninguén foi capaz de impoñerse nesta Copa.
Agora, ao lonxe está un 2023 que, seguramente, marcarase novos e ambiciosos proxectos nos que volverá exhibir esa pilotaxe, onde prima a velocidade, a regularidade e tamén a frialdade para asumir en cada momento as decisións correctas.
Foto: Nacho Carballeira