O deportista de Carballo, Xan Lamas Serrano, competirá esta fin de semana no campionato de España de Apnea Outdoor na illa de Lanzarote.
Este deporte consiste en baixar a profundidades do mar só co aire dos pulmóns, sendo as mellores condicións do mar para realizar este evento nas illas Canarias e no Mediterráneo. O deportista atópase en Lanzarote desde hai uns días adestrando e adaptándose ás augas da illa. Os compoñentes da selección galega son dous homes e unha muller.
O deportista carballés comenta: «Esta semana de entrenos está a ser según o previsto, mergullos profundos, tranquilos e seguros, sempre en cada sesión de adestramento indo uns metros máis abaixo. No día de hoxe tentarei facer 2 ou 3 mergullos curtos de quecemento e logo 2 profundos en modalidades distintas. Unha modalidade que sería ir tirando dun cabo e sen aletas, irei ata os 52 metros de profundidade, e despois farei outra modalidade que sería con bialetas, iría desde superficie aleteando ata os 50 metros e volta para arriba aleteando».
PALMARÉS DE XAN LAMAS
Campionato Cataluña: prata en apnea dinámica e bronce en dinámica sen aletas.
Campionato País Vasco: prata en dinámica bialetas.
Campionato Cantabria: ouro en dinámica e bronce en estática.
Campionato Galicia: prata en estática e tres ouros en dinámica, dinámica bialetas e dinámica sen aletas.
Campionato de España: bronce en dinámica sen aletas.
Récord galego en apnea dinámica con bialetas cunha distancia de 159 metros.