O alcalde recibe no Concello aos tres deportistas laracheses, Luis Negreira, Juan Martín Rodríguez e Lucía Añón, que obtiveron un total de 10 medallas nos Campionatos Nacionais por Comunidades Autónomas de Salvamento e Socorrismo.
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello, recibiron hoxe no Concello aos tres deportistas laracheses que participaron no II Campionato de España por Comunidades Autónomas celebrado a primeiros de mes na praia do Orzán da Coruña e na piscina de Carballo para mostrarlles o “orgullo” polos excelentes resultados obtidos.
Luis Negreira Mariño, Juan Martín Rodríguez Lafuente e Lucía Añón Sánchez -ademais de Borja Díez, tamén larachés, como adestrador do combinado galego-, os tres de categoría cadete e que adestran durante a temporada no Club de Salvamento Acuático Laracha SAL, lograron un total de dez medallas
Luis, que gañou cinco preseas, proclamouse campión de España na proba individual de bandeiras e subcampión no 4×50 relevo socorrista mixto. As outras tres medallas logrounas en probas nas que competiu con Juan Martín (segundo posto no relevo de sprint praia e no relevo de tubo de rescate, e terceiro posto no 4×50 relevo combinado).
Pola súa parte, Lucía foi campioa de España no 4×50 relevo combinado e terceira en 4×50 relevo obstáculos.
O alcalde fixo un percorrido pola traxectoria deportiva dos tres rapaces, destacando o excelente que está a ser para eles o ano 2022, porque xa competiran no campionato de España cadete celebrado en xullo en Cantabria e nos campionatos galegos tanto de augas abertas (celebrado en xuño en Bergondo) como no de piscina (marzo, en Caldas de Reis), nos que Luis lograra outras 5 medallas e Lucía e Juan Martín, catro cada un.
O rexedor tamén salientou que Lucía quedouse a unha centésima de bater un récord galego e que Juan Martín participou en xuño nas xornadas de tecnificación da Federación Española de Salvamento e Socorrismo ás que foran citados os mellores na súa categoría a nivel nacional.
O acto no Concello celebrouse para recoñecer e felicitar aos tres deportistas polos seus resultados, así como para visibilizar esta modalidade deportiva na que A Laracha é referencia galega e nacional e o traballo diario que desenvolven durante todo o ano nos adestramentos co club SAL, na súa maior parte nas instalacións da piscina municipal.
Info e fotos: Concello da Laracha