«Xogade coas motos» impulsará o motociclismo de base na Laracha o 16 de setembro

A actividade é organizada por VF Timing co apoio do Concello, a Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Motociclismo.

A Laracha acollerá o vindeiro día 16 de setembro a novidosa iniciativa Xogade coas motos, dirixida a nenos e adolescentes (de 6 a 16 anos de idade) e na que se lles ofrecerá a posibilidade de probar unha moto de velocidade e iniciarse nesta disciplina deportiva.

O evento é organizado por VF Timing co apoio do Concello, a Federación Galega de Motociclismo e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia a través do Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar). A Laracha é o único municipio da provincia da Coruña incluído no calendario desta iniciativa.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a edil de Deportes, Patricia Bello, recibiron no Concello a Sandra Fernández, responsable de VF Timing, e ao colaborador Daniel Remuiñán para tratar diversas cuestións relacionadas co evento.

Xogade coas motos pretende fomentar o motociclismo de base facilitando o acceso dos máis pequenos ás motos de velocidade. A actividade non será competitiva, xa que a finalidade esencial é coñecer se aos rapaces lles gusta o deporte do motociclismo. Os participantes terán acceso gratuíto ás motos, monos e cascos para realizar distintos exercicios de habilidade que serán dirixidos por monitores, encargados tamén de valorar o nivel do neno e de ofrecerlle esa información aos pais.

Trátase dunha primeira toma de contacto que permite que os rapaces con inquedanzas polo motociclismo poidan coñecer e achegarse a este deporte sen necesidade dun investimento inicial e, de ser o caso, recibir asesoramento para a súa práctica habitual nas diferentes opcións dispoñibles en Galicia (escolas, circuítos, competicións, etc).

En próximas datas farase a presentación oficial da actividade e anunciaranse as datas de inscrición, na que terán prioridade os empradoados no termo municipal da Laracha.

Foto: Concello da Laracha

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Irene Díaz: tempada de dez

Se definísemos a Irene Díaz como futbolista, fariamos mención ao seu dorsal, de dez. Así é a tempada da xogadora do Discalzas SD, asinando nesta