57ª COPA DA COSTA: A SD Fisterra alzou o seu cuarto título fronte á SD Esteirana

A SD Fisterra, baixo a dirección de Juan Porrúa e Juan Cabrejo, logrou cumprir os prognósticos de favorito e así alzou o cuarto título da Copa da Costa na historia da entidade. Aínda que o triunfo non foi nada doado fronte unha gran SD Esteirana. Un tanto de Víctor Casais rompeu o empate a uns (2-1) e o título viaxou ao cabo do mundo nun ambiente espectacular no campo Fontenla, de Santa Comba.

SD FISTERRA: Iván Bouzón; Breixo, Aarón Muros, Aarón López, Aarón Lobelos; Cea; Víctor Casais (Columbia, min 75), Diego Cespón, Julián, Diego Estévez (Richi, min 82), e Adrián Makaay (Alberto Vía, min 85).

SD ESTEIRANA: MJ; Samuel, Manu Tobío, Brais, Simón; Sui, Oliver (Pachín, min 80), Adrián Abelleira (Adrián Louro, min 75), Elías (Álvaro Farinós, min 59); Pablo Rama (Dani Corniños, min 59) e Raúl.

ÁRBITRO: Bruno Méndez Castro, cos asistentes Óscar Santos Rodríguez e Christian Sendón Villar. Tivo un bo labor. Expulsou a Samuel (min 92) e ao segundo adestrador da SD Fisterra Juan Cabrejo (min 75).

INCIDENCIAS: Campo Fontenla, de Santa Comba, con 2.300 espectadores. Deixáronse sentir as dúas afeccións, co Rapacollóns Big Band e o seu barukada en todo o partido. Aínda que os de Esteiro tamén se deixaron sentir en dúas zonas do campo. Un grupo detrás dunha das porterías e outro fronte á bancada principal. Un comportamento dos seguidores de dez durante toda a final. Antes de comezar o encontro gardouse un minuto de silencio en memoria do colexiado cormelán Lucas Vicente.

GOLES: 1-0, min 31: Adrián Makaay; 1-1, min 36: Raúl; 2-1, min 71: Víctor Casais.

O encontro comezou cunha SD Esteirana, baixo a dirección de Geno, que estivo mellor sobre o terreo de xogo e buscou a portería de Iván Bouzón con velocidade e profundidade. Brais fixo lucirse a Iván Bouzón (min 26), e Elías que o meta fisterrán salvase cos puños (min 27).

O primeiro remate fisterrán foi de Víctor Casais, de cabeza, pero fose (min 30). A aparición de Adrián Makaay foi espectacular ao crear unha oportunidade da nada e conseguir o 1-0 (min 31). A resposta non se fixo esperar e Elías puxo a proba a Iván Bouzón, na parada da final (min 33). Así chegou o empate, obra de Raúl, desde 25 metros (min 36). Antes de irse ao descanso, Elías, en inmellorable posición, rematou fóra no segundo pau a centro de Raúl.

Na saída do descanso viuse, nos primeiros 15 minutos, a mellor versión da SD Fisterra de Juan Porrúa e Juan Cabrejo. Diego Estévez estrelou un balón no poste (min 50), novamente o xogador cruzou demasiado cando estaba só (min 52). Víctor Casais fixo lucir con apuros enviando o balón a córner a MJ (min 54). A SD Esteirana foi repoñéndose aos poucos dese dominio, e Oli de falta obriga a despexar de puntos a Iván Bouzón (min 64). O partido entrou nunha fase aberta e nela Víctor Casais tomou o seu protagonismo primeiro cun remate fóra (min 65) e despois cunha volea, que significou o 2-1 (min 71).

Finalmente, a final non puido ter máis emoción. Os de Geno non se entregaron en ningún momento, a pesar da diferenza de dúas categorías entre ambos os equipos, e buscou o empate. E a punto estivo de chegar, pero o potente remate de Oli só fronte Iván Bouzón foise ao traveseiro (min 73). As forzas deixáronse sentir en ambos os equipos na parte final do bonito e disputado encontro, polo que finalmente a SD Fisterra puido conseguir un novo título fronte o delirio dos seus seguidores.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas