O CB Costa Ártabra inicia unha nova etapa con Pepo Fernández como presidente

O club ferrolán inicia unha nova etapa con Pepo Fernández como presidente, á fronte dun renovado equipo directivo que combinará novas incorporacións con persoas que xa viñan traballando na entidade.

Empresario ferrolán e vencellado desde hai anos ao deporte e ao propio club, Fernández dá agora un paso adiante no seu compromiso co Costa Ártabra e co baloncesto da cidade, co obxectivo de consolidar o crecemento da entidade e impulsar un proxecto estable a medio e longo prazo.

A nova etapa manterá tamén unha importante liña de continuidade. Pablo Rodríguez seguirá á fronte da dirección deportiva, mentres que varios integrantes da anterior Xunta Directiva continuarán vencellados ao proxecto.

“Queremos dar un novo impulso ao club, pero partindo de todo o que se construíu ata agora. A idea é ir profesionalizando pouco a pouco distintas áreas, mellorar a organización e conseguir unha estrutura cada vez máis sólida”, explica Pepo Fernández.

No plano deportivo, o club quere aproveitar a experiencia de moitas das persoas que forman parte dos seus equipos sénior e trasladar ese coñecemento a toda a canteira.

“Contamos con xente con moitos anos de experiencia no baloncesto, algunhas persoas que foron profesionais e que volveron a Ferrol. Queremos aproveitar todo ese coñecemento para formar os nosos xogadores, axudar a medrar os adestradores novos e acompañar a quen se incorpore ao club”.

A nova dirección tamén quere reforzar a comunicación, a relación coas familias e a presenza do Costa Ártabra na cidade, estreitando vínculos con institucións, colaboradores e empresas.

“Queremos construír un club que represente a Ferrol e no que cada vez máis persoas se sintan parte do proxecto. Non sabemos ata onde chegaremos, pero si sabemos que imos traballar e dalo todo para seguir medrando”.

Desde o CB Costa Ártabra tamén se quere agradecer o traballo das anteriores Xuntas Directivas e de todas as persoas que contribuíron durante estes anos ao crecemento da entidade.

“Todo o que temos hoxe existe porque antes houbo moita xente dedicando tempo, esforzo e compromiso ao club. Esta nova etapa parte dese traballo e o noso obxectivo é seguir construíndo sobre el”.

O CB Costa Ártabra afronta así unha nova etapa coa intención de consolidar o seu proxecto deportivo, fortalecer a súa estrutura, potenciar a formación e seguir medrando como un club cada vez máis estable, recoñecible e representativo da cidade de Ferrol.

Info e foto: BBCA

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas