O piloto da Laracha busca manter o gran ritmo mostrado esta tempada aos mandos do Skoda Fabia R5 Evo.
Daniel Remuiñán, xunto a Álvaro Cerqueiras, afronta esta fin de semana unha nova cita no seu calendario deportivo coa disputa do Rallymix de Cuntis. O piloto da Laracha volverá poñerse ao volante do Skoda Fabia R5 Evo coa máxima ilusión e co claro obxectivo de loitar polos postos de cabeza na cita pontevedresa.
Tras as excelentes sensacións vividas nas probas anteriores disputadas este ano, nas que o equipo demostrou unha rápida adaptación e un gran nivel competitivo, logrando grandes resultados tanto en Ribadumia como en Portas, e loitando polo podio na cita do nacional de terra, a parella Remuiñán-Cerqueiras chega a Cuntis con ganas de seguir sumando quilómetros de calidade e loitar pola vitoria absoluta da proba.
A cita de Cuntis é coñecida por ofrecer un percorrido técnico, rápido e con cambios de superficie que esixen unha concentración máxima desde a primeira manga cronometrada. O equipo dedicou as últimas xornadas a revisar a fondo a mecánica do Skoda Fabia R5 Evo, afinando a posta a punto para garantir a máxima tracción nas zonas máis complexas do trazado e espremer todo o potencial do vehículo checo nun terreo tan selectivo.
«Chegamos a Cuntis con moitas ganas de competir e de volver subirme ao Skoda Fabia R5 Evo», sinala Daniel Remuiñán. «As carreiras anteriores en Ribadumia e Portas deixáronnos moi bo sabor de boca e demostraron que podemos ser moi competitivos. O obxectivo para esta fin de semana é saír a gozar, apertar desde o primeiro metro e loitar por estar o máis arriba posible en Cuntis, ante unha afección que sempre nos apoia ao máximo».
Info e foto: Daniel Remuiñán



