O piloto da Laracha completou unha gran remontada aos mandos do Skoda Fabia R5 Evo para subir ao terceiro caixón.
Daniel Remuiñán e Álvaro Cerqueiras pecharon a súa participación no Rallymix de Cuntis cun meritorio terceiro posto absoluto. A pesar de que a proba comezou costa arriba para o piloto da Laracha, o ritmo amosado ao longo da fin de semana permitiulle sumar un novo podio e chegar con todas as opcións abertas á última proba da tempada.
Un contratempo mecánico xusto antes de tomar a saída na primeira manga do rali traduciuse nunha penalización de tempo que condicionou o resto da carreira. Lonxe de baixar os brazos, a dupla Remuiñán-Cerqueiras completou unha brillante actuación no resto das pasadas cronometradas, recortando diferenzas tramo a tramo ata certificar a terceira praza final.
O resultado permite ao equipo manterse de cheo na loita pola clasificación do Campionato Galego de Rallymix, deixando todo aberto a falta dunha única cita para a conclusión do certame.
«Foi unha fin de semana esixente na que nos tocou remontar desde o primeiro momento», explica Daniel Remuiñán. «Un problema antes de saír ao primeiro tramo custounos unha penalización que, á postre, foi definitiva, xa que, aínda que recuperamos segundos nas seguintes mangas, non tivemos marxe suficiente para pelexar pola vitoria. Porén, marchamos moi satisfeitos co traballo do equipo e co rendemento do Skoda Fabia R5 Evo. O máis importante é que saímos de Cuntis mantendo opcións ao título de cara á última cita da tempada, onde sairemos a dalo todo».
Clasificación Rallymix Cuntis – Clase B «Carrozados»
| Pos. | Piloto | Vehículo | Tempo |
|---|---|---|---|
| 1º | Manuel Osorio – Raquel Rodríguez | Skoda Fabia RS Rally2 | 41:28.299 s |
| 2º | José M. Martínez – Blanca Martínez | Skoda Fabia RS Rally2 | 41:30.254 s |
| 3º | Daniel Remuiñán – Álvaro Cerqueiras | Skoda Fabia R5 Evo | 41:50.387 s |
Info e foto: Daniel Remuiñán



