O Costa Ártabra pecha o seu cadro e chega reforzado ao inicio de liga tras impoñerse a un rival de Terceira FEB

O CB Costa Ártabra afronta a última semana de preparación coas mellores sensacións posibles. O club deu por pechado o cadro do senior masculino para a tempada 2026/27 e faino tras pechar a pretempada cunha convincente vitoria por 56-83 fronte ao Ulla Oil Rosalía, conxunto que competirá esta tempada en Terceira FEB.

O proxecto dirixido por Ismael Fernández mantén unha clara aposta pola continuidade. A maior parte do bloque que defenderá unha tempada máis a camisola do Costa Ártabra está formado por xogadores que xa pertencían ao club, reforzando así a identidade e o compromiso dun grupo que leva varias tempadas medrando de maneira conxunta.

Entre as últimas renovacións anunciadas destaca Javier Pereira, pivote vigués que desenvolveu toda a súa etapa universitaria en Ferrol ata consolidarse como un dos interiores máis sólidos da categoría. Tamén continuará Ismaila Diatta, o xogador máis alto do cadro e un dos perfís con maior marxe de crecemento. A pesar de comezar a xogar ao baloncesto a unha idade pouco habitual, a súa evolución durante as últimas tempadas foi constante e segue a dar pasos adiante no seu xogo.

O club seguirá contando con Mario López, exterior natural de Villena e afincado en Ferrol, cuxa experiencia en categorías FEB e capacidade para xerar vantaxes o converten nun dos xogadores máis determinantes do equipo. Renova igualmente Pelayo Corujedo, que tras debutar a pasada campaña en Primeira División Galega afronta unha nova tempada con maior experiencia e protagonismo dentro da rotación.

Outra das pezas importantes será Álex Pita, un xogador polivalente capaz de alternar posicións exteriores e interiores grazas á súa lectura do xogo e facilidade para adaptarse a diferentes estilos de xogo. Completa este último bloque de renovacións Unai Mardaraz, escolta formado no filial do Costa Ártabra que continúa dando pasos na súa progresión e achega intensidade, físico e enerxía ao xogo exterior.

UNHA PRETEMPADA DE CRECEMENTO

O adestrador Ismael Fernández móstrase satisfeito co traballo realizado durante estas semanas.

«A pretempada foi moi boa. Atopamos un grupo moi comprometido, con moitas ganas de traballar e realizando adestramentos de moita calidade tanto no aspecto físico como no táctico.»

O técnico recoñece que a preparación non foi sinxela debido á dificultade para atopar rivais.

«Custounos moito pechar partidos amigables. Entre a dispoñibilidade dos equipos da zona, as fichas dos xogadores e a disputa da Copa Galicia por parte dos equipos de Terceira FEB, unicamente puidemos disputar un encontro de preparación.»

Ese único amigable deixou boas sensacións para o conxunto ferrolán. Tras un primeiro cuarto con dúbidas e pouco acerto ofensivo, o equipo foi medrando co paso dos minutos ata impoñer o seu ritmo de xogo e conseguir unha ampla vitoria por 56-83.

«Durante o primeiro cuarto estivemos incómodos, custounos atopar o noso xogo e non estivemos acertados de cara ao aro. A partir do segundo cuarto quitámonos os nervios, empezamos a xogar coas nosas ideas e o equipo deu un paso adiante. Aínda temos moitas cousas que mellorar, pero este partido tamén nos serve para saber que imos polo bo camiño.»

Nun encontro moi coral, todos os xogadores conseguiron anotar. Os máximos anotadores foron Ismaila Diatta, con 17 puntos, Pelayo Corujedo, con 14, Mario López, con 13, e Álex Pita, con 11.

COMEZA A COMPETICIÓN

A espera remata esta fin de semana. O CB Costa Ártabra debutará na Primeira División Galega o vindeiro sábado 3 de outubro, recibindo o CB Cambre no Pavillón Javier Gómez Noya de Caranza, a partir das 18:00 horas.

Fernández confía en que o traballo realizado polo club durante os últimos meses tamén se reflicta na bancada.

«Estamos vendo un ambiente moi bonito nos partidos de canteira. As familias están respondendo e o pavillón ten cada vez máis vida. Oxalá esa ilusión se traslade tamén aos partidos do senior e poidamos comezar a tempada cunha gran entrada en Caranza.»

Co cadro pechado, unha pretempada positiva e o respaldo dun grupo que mantén a base das tempadas anteriores, o Costa Ártabra inicia un novo curso coa ilusión de seguir medrando e consolidándose como un dos proxectos de referencia do baloncesto galego e ferrolán.

Info e foto: BBCA

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas