Rebeca Puente Rodríguez (Tordoia, 1992) é desas xogadoras que parecen feitas para desafiar ao gol. A dianteira chegou este verán ao Bergantiños procedente do Tordoia, club no que deixou pegada durante varias tempadas, despois de pasar tamén polo Dubra.
Rápida, eléctrica e cunha definición de enorme calidade, Rebe é unha auténtica cazagoles. Presiona sen descanso, incomoda, rouba metros á defensa e ataca os espazos con fame. O seu fútbol é movemento, intensidade e instinto. Cando aparece no último terzo, o perigo xa está escrito. Rebe sempre busca o camiño máis curto cara á rede.
Que te chamou a atención para fichar polo Bergan?
Pois a verdade e que eu xa tiña decidido que non ía continuar outro ano máis en Tordoia e chegou Cruz e propúxome o que había, e dixen, por que non? Unha categoría máis sempre chama, cambiar de aires, coñecer outro club, vestiario, etc. E ademais, teño o campo a cinco minutos da casa.
Que tal foi a acollida por parte das túas novas compañeiras?
Non hai queixa (risas). Fóra bromas, de momento estou moi contenta. A pesar da diferenza de idade e de ser rivais durante moitos anos, síntome moi cómoda no vestiario e estoume adaptando moi rápido ao bo grupo que hai.
Como ves o nivel desta nova categoría?
De momento non podo dicir moito porque é o primeiro ano aquí e non coñezo aos equipos, pero baseándome nos amigables que xogamos e na primeira xornada, diría que é unha categoría esixente, competitiva e cun ritmo de partido bastante alto en comparación á Segunda e á Primeira Galega.
Foto: fotoschimpi



