Sergio: “Como fortaleza destacaría a calidade que hai no equipo”

Sergio Fernández Trillo (Cee, 1996) afronta a súa segunda tempada no Dumbría convertido nunha das referencias ofensivas do equipo.

O ceense é un dianteiro forte, con bo toque de balón, habilidoso e traballador, destacando especialmente polo seu instinto dentro da área e pola facilidade para atopar o camiño do gol. Formouse nas bases de equipos como o Bergan, Atlético Coruña Montañeros, Olímpico e Cerceda, antes de dar o salto ao fútbol sénior. Desde entón, defendeu as camisolas do propio Olímpico, Montañeros e Bergan, ademais do Betanzos, As Pontes, Arteixo, Galicia de Mugardos, Miño e Meirás.

Que te motivou para seguir unha tempada máis no club Dumbría?
O que me motivou a seguir foi un conxunto de cousas, non só unha en concreto. Diría que entre as principais está o gran grupo que hai a nivel de vestiario e o corpo técnico. Pablo demostroume o ano pasado que é un adestrador polo que se pode traballar e esforzarse sen dubidar del nin un segundo, e ademais este ano temos a Josema, que sempre suma moito e axuda a que todos rememos na mesma dirección. A nivel de club trátrannos moi ben, as instalacións son incribles e o trato tamén é moi bo. E a nivel persoal, xogar preto da casa é moi bonito. Levaba moitos anos xogando lonxe de Cee e tiña ganas de volver á zona.

Cal consideras que é a principal fortaleza deste Dumbría?
Eu creo que temos moitas, pero destacaría a calidade que hai no equipo. Como collamos ben o ritmo de competición, creo que temos cousiñas e podemos facer un bo ano. Agora hai que deixalo en mans de Alberto, o preparador.

Que obxectivos te marcas para esta tempada?
A nivel persoal, o meu obxectivo é intentar sumar durante toda a tempada e axudar o equipo en todo o que poida. Estar ben fisicamente para minimizar lesións e tamén meterlle cana aos máis novos para que se adapten canto antes á categoría.

Foto: fotofuentes

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas