O conxunto ferrolán dominou boa parte do encontro e dispuxo de claras ocasións para levar os tres puntos, pero a falta de acerto e as grandes actuacións dos porteiros impediron que se movese o marcador.
O Parrulo Ferrol afrontaba a cuarta xornada de liga recibindo na casa o Viña Albali Valdepeñas. Os ferroláns chegaban a esta cita cun balance de dúas vitorias, un empate e unha derrota, esta última sufrida ante o Barça no encontro correspondente á sétima xornada, que fora adiantado no calendario. Na procura da terceira vitoria do campionato nacional, Gerard Casas saía co quinteto formado por Caio César, Quelle, Novoa, Lucas Farias e Yan Matheus, mentres que, no bando manchego, Marlon Velasco apostaba por comezar con Borja Puerta, Álex Naranjo, Mateus Torres, Carrasco e Adrián Tapias.
O partido comezou con moita intensidade por parte dos ferroláns, xa que, poucos minutos despois do asubío inicial, Quelle tivo a primeira ocasión do encontro. Yan Matheus, o máis listo da clase, filtraba un pase entre as pernas do seu rival e deixaba a Quelle só ante Borja Puerta, pero o porteiro estivo atento e evitou o gol local. O Parrulo, máis eléctrico en ataque, apertaba sobre a portería rival. Novoa lanzaba unha falta cun forte disparo que Borja Puerta volvía rexeitar, converténdose, durante os primeiros sete minutos, no xogador máis destacado do seu equipo.
Os de Gerard Casas seguían levando a iniciativa do xogo e creando ocasións que, unha e outra vez, desbarataba o porteiro do Valdepeñas. Aos once minutos de xogo, o VIR tivo que intervir por un posible penalti favorable ao conxunto local, pero, tras revisar a xogada, os colexiados determinaron que a falta sobre Diogo se producira ao bordo da área. Tres minutos despois, o VIR tivo que volver intervir, xa que Nicolás cometía unha falta, a sexta do Valdepeñas. Nesta ocasión, os colexiados sinalaron dobre penalti a favor do Parrulo. Diogo foi o encargado de executar o lanzamento, pero Borja Puerta, ben colocado, conseguiu evitar co pé dereito o primeiro gol do encontro.
Tras esta última ocasión, os visitantes comezaron pouco a pouco a animarse e a buscar con máis frecuencia a área rival. Marlon Velasco deu entrada ao porteiro Pato, aproveitando a súa boa habilidade co balón nos pés para tratar de xerar algunha superioridade nas saídas de balón. Nos últimos minutos, o partido converteuse nun auténtico correcalles. Os dous equipos querían marchar ao descanso por diante no marcador e os espazos, froito do cansazo provocado pola intensidade do xogo, comezaban a aparecer. Porén, ningún dos dous conxuntos foi quen de marcar e o encontro chegou ao descanso co empate sen goles e coa actuación da escola de baile Paso a Paso.
Os dous equipos saíron con todo na segunda metade. Non especulaban co empate e buscaban ese primeiro gol da noite. Caio César e Pato tiveron que intervir con boas paradas para os seus respectivos equipos. Cada perda de balón daba lugar a un contraataque do rival. O Parrulo dispuxo dunha situación de dous contra un liderada por Brayan, pero Rikelme topou con Pato. O conxunto manchego respondeu cun disparo que, tras un rexeitamento, bateu no traveseiro.
O partido entrou nunha dinámica na que podía caer de calquera dos dous lados. O Parrulo dominaba máis, pero os contraataques do Valdepeñas eran perigosos. Caio César tivo que resolver un man a man con Tapias. Os dous porteiros estaban a adquirir un gran protagonismo na segunda metade. O propio gardameta brasileiro do conxunto ferrolán estivo a piques de abrir o marcador cando, nunha das súas subidas, atopou espazo suficiente para armar a perna e soltar un potente disparo que Pato e a defensa manchega conseguiron rexeitar. Os nervios estaban a flor de pel e, cando faltaban pouco máis de dous minutos, Malaguti cometía a quinta falta do Parrulo. Pouco despois, o técnico do Valdepeñas, Marlon Velasco, era expulsado tras ver dous cartóns amarelos consecutivos.
Finalmente, o tempo esgotouse e o partido rematou con empate sen goles e un punto para cada equipo. Ambos os conxuntos ofreceron un bonito espectáculo, no que os porteiros foron os principais protagonistas dun intenso duelo.
Os ferroláns disputarán a quinta xornada o vindeiro venres 9 de outubro, ás 19:30 horas, visitando a un rival esixente como é o Illes Balears Palma Futsal.
O PARRULO: Caio César, Quelle, Novoa, Lucas Farias e Yan Matheus; tamén xogaron Rikelme, Diogo, Jhoy, Rubén Orzáez, Brayan e Malaguti.
VIÑA ALBALI VALDEPEÑAS: Borja Puerta, Álex Naranjo, Mateus Torres, Carrasco e Adrián Tapias; tamén xogaron José Mario, Joao Silveira, Nicolás, Álex Fonseca, Laurato Yáñez, Carlos Bartolomé, Pato e Pablo Otero.
ÁRBITROS: Óscar Ropero, Pablo Delgado, Javier Menéndez (tercer árbitro) e Berta García (cronometradora). Amoestaron aos locais Rubén Orzáez, Malaguti e ao adestrador Gerard Casas, mentres que polos visitantes, amosaron o cartón amarelo a Carlos Bartolomé, Mateus Torres, Joao Silveira, Adrián Tapias, Carrasco, Álex Naranjo e ao membro do staff Lluc Parera, ademais da expulsión por dobre cartón ao técnico Marlon Velasco.
INCIDENCIAS: Cuarta xornada da Liga Prime Futsal disputada no Pavillón da Malata.
Foto: sadmoody241



