A maxia da Malata obra un milagre: o Baxi conquista unha remontada épica no último suspiro

Cando todo parecía perdido, a alma da Malata espertou para empurrar o Baxi cara a unha vitoria inesquecible, onde as ferrolás, que chegaron a estar sete puntos por debaixo no tramo final, protagonizaron unha remontada heroica ante o Kutxabank Araski, nun final de infarto no que lograron impoñerse por 82-77.

Unha vez selado o pase para a fase de grupos da EuroCup Women, que nesta ocasión será a terceira campaña consecutiva na que as ferrolás participen na aventura europea, chegaba a quenda do campionato nacional coa disputa da primeira xornada da Liga Femenina Endesa. Facíano ante a súa afección, cun pavillón da Malata sempre entregado ao seu equipo e coa motivación de comezar a tempada con bo pé. Para iso, debían derrubar o muro do Kutxabank Araski, dirixido por Madelén Urieta, que non quería poñerlles as cousas fáciles. Para este primeiro encontro de liga, Lino López non puido contar con Gala Mestres nin con Sandra Martínez, polo que formou o quinteto inicial con Esther Castedo, Sydney Shaw, Tayra Eke, Iva Belosevic e Maggie Doogan. Pola banda vasca, Madelén Urieta saíu co seu cinco inicial, composto por Julieta Mungo, María Roters, Lotta-Maj Lahtinen, Kristina Higgins e Aleksandra Stanacev.

Ninguén dixo que os comezos fosen fáciles, e a primeira xornada da Liga Femenina Endesa pode dar fe diso. O Baxi tivo que traballar arreo e protagonizar unha emocionante remontada no último suspiro para impoñerse ao combativo Araski. O primeiro asalto non puido estar máis igualado. O Baxi comezou mandando, con Tayra Eke e Iva Belosevic anotando, mentres que Stanacev e Mungo respondían de inmediato. As ferrolás tomaron momentaneamente a dianteira cun parcial de 7-0, liderado por Esther Castedo, Maggie Doogan e Tayra Eke, que parecía marcar o rumbo do primeiro cuarto. Porén, a partir de aí, o Baxi sufriu unha lixeira desconexión tanto en ataque como en defensa e chegou a estar cinco minutos sen anotar, mentres que as rivais aproveitaron ese momento de fraxilidade local para amosar unha gran efectividade ofensiva e asinar un parcial de 0-13. No último suspiro do cuarto, o Baxi volveu conectar co partido e Sotolova, Shaw e Tayra Eke conseguiron reducir a diferenza para rematar un punto por debaixo no marcador, cun 21-22.

No segundo cuarto, o Baxi saíu máis enchufado nos primeiros compases, malia comezar cun 0-4 en contra. Tayra Eke e Galickova conseguiron darlle a volta ao resultado e poñer o Baxi por diante, que mesmo chegou a abrir unha fenda no marcador cando Sydney Shaw culminou un parcial favorable de 14-0. Parecía que o Baxi ía poñer terra de por medio e afastarse no marcador, pero, unha vez máis, o conxunto vasco reaccionou e Brotons, Mungo e Stanacev conseguiron volver meter o seu equipo no partido. Tras varios intercambios de canastras nos dous lados da pista, o equipo ferrolán marchou ao descanso cunha mínima vantaxe, co resultado de 43-42. Tayra Eke, con 12 puntos na súa conta persoal, estaba a ser a máxima anotadora das locais, mentres que, no bando contrario, Stanacev lideraba as súas compañeiras con 10 puntos.

No terceiro cuarto mantívose a máxima igualdade. Nesta ocasión, a moeda caeu do lado vasco, novamente pola mínima, cun 57-58. As cousas comezaron mal para o Baxi, con dous triplos consecutivos de Roters e Stanacev que levaron a Lino a pedir un tempo morto. A decisión deu resultado, pois primeiro Shaw e despois Doogan responderon con cadanseu triplo. Lotta-Maj Lahtinen volveu anotar para as súas desde a liña de tres puntos, e a estadounidense Doogan fixo o propio para o conxunto ferrolán. Os dous equipos loitaron por levar o gato á auga, pero finalmente impuxéronse as xogadoras de Madelén Urieta.

O partido quedaba completamente aberto para que o último cuarto ditase sentenza. O período comezou ben para o Baxi, que viu como Sydney Shaw anotaba dous triplos consecutivos. A reacción vasca non se fixo agardar, e Lotta-Maj Lahtinen e Higgins impediron que as locais puidesen afastarse no marcador. O Baxi comezou a amosar certo nerviosismo, perdendo o balón en momentos cruciais ou fallando canastras practicamente feitas, o que propiciou que as rivais se viñesen arriba e, a falta de catro minutos para o final, lograsen unha vantaxe de sete puntos. Todo parecía perdido nos últimos minutos, pero entón apareceu a maxia da Malata. O público cría na remontada, Lino tamén cría e as xogadoras medraban. E o milagre aconteceu. Apareceu a figura da gran capitá, a irlandesa Claire Melia, que anotaba baixo o aro como só ela sabe moverse na zona. A defensa ferrolá converteuse nun muro, co público empurrando, e no seguinte ataque Maggie Doogan anotou un triplo. O Araski volveu fallar en ataque e, de novo, Melia anotou para poñer o Baxi un punto por diante. O Araski volveu ceder no seu ataque ante a defensa do Baxi, e Sotolova sumou outros dous puntos desde a liña de tiros libres para situar as súas cunha vantaxe de tres puntos a falta de cinco segundos. A última posesión foi para o Araski, pero o triplo de Julieta Mungo non entrou. Galickova impúxose no rebote e recibiu unha falta. A xogadora checa acudiu á liña de tiros libres e pechou o partido anotando outros dous puntos, que selaron a sufrida e traballada vitoria do Baxi por 82-77.

Maggie Doogan foi a máxima anotadora das ferrolás, con 19 puntos, mentres que, no equipo visitante, destacou Stanacev, que anotou 18 puntos e foi a MVP do encontro con 28 puntos de valoración. O Baxi inicia así a tempada coa súa primeira vitoria e, na próxima xornada, visitará o pavillón Fausto Vicent para enfrontarse ao Hozono Global Jairis o día 8 de outubro ás 21:00 horas.

BAXI FERROL: Esther Castedo (2), Sydney Shaw (16), Tayra Eke (14), Iva Belosevic (6) e Maggie Doogan (19); Claire Melia (10), Nikola Priede (2), Karolina Sotolova (4) e Katerina Galickova (9).

KUTXABANK ARASKI: Julieta Mungo (12), María Roters (3), Lotta-Maj Lahtinen (10), Kristina Higgins (10) e Aleksandra Stanacev (18); Laura Piera (5), Montserrat Brotons (5), Kristina Rakovic (2) e Nikola Dudasova (12).

CUARTOS: 21-22; 43-42 (22-20); 57-58 (14-16); 82-77 (25-19).

ÁRBITROS: Jesús Marcos Martínez Prada, Juan Gabriel Carpallo Miguélez e Rodrigo Garvín Domingo. Sinalaron 19 faltas a favor do Baxi Ferrol e 15 en contra.

INCIDENCIAS: Partido da primeira xornada da Liga Feminina Endesa disputada no Pavillón da Malata ante 1358 afeccionados.

Foto: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas