Hai adestradores que dirixen un equipo e outros que constrúen unha identidade, espertan o orgullo do vestiario e converten os partidos en batallas nas que ninguén está disposto a renderse. Fernando Gundín Lago (Cedeira, 1978) pertence a esta segunda estirpe de adestradores. Ao mando do Cebarca, o técnico cedeirés afronta a súa terceira campaña no banco cunha idea innegociable como é o traballo, a orde, a esixencia e a competitividade, para levar ao equipo tan lonxe como permitan as súas forzas.
A súa traxectoria nos bancos comezou nas categorías de base do Cedeira e do Racing, antes de dar o salto ao fútbol modesto, onde pasou polo Viveiro, O Val e o Somozas, neste último como segundo de Stili. Un percorrido que lle permitiu coñecer diferentes realidades, forxar o seu carácter e alimentar unha filosofía na que cada adestramento conta e ningún futbolista pode desconectar. Gundín esixe, pero tamén sabe motivar. Ordena, pero deixa espazo para o talento. A súa maior virtude reside en manter enchufado a todo o seu elenco, espremer o xen competitivo dos seus xogadores e sacar á luz unha calidade que, ás veces, agarda polo escenario axeitado para brillar.
A súa estrea no Cebarca foi toda unha declaración de intencións. Vinte triunfos, seis empates e só catro derrotas impulsaron ao equipo ata a terceira posición da liga regular. Ese posto abriu as portas da fase de ascenso, onde o Cire Melide sería un muro que impediría aos de Cerdido chegar á final do ascenso tras caer por 1-2 na ida e 2-0 no encontro de volta. A Copa tamén deixou momentos de emoción, coa clasificación para os cuartos tras superar ao Perlío en oitavos, empatando sen goles a pasando na quenda de penaltis por 3-1, antes de caer por un axustado 0-1 fronte ao Miño.
A segunda campaña trouxo novos desafíos e unha oitava praza, con doce vitorias, sete empates e once derrotas. Na competición copeira, o Cebarca eliminou ao Narón a domicilio en oitavos por 2-3, pero volveu despedirse nos cuartos, esta vez ante o Galicia de Caranza, que venceu por 2-0.
Agora avanza nun novo capítulo. Co aprendido, coas cicatrices e coa ambición intacta, Gundín regresa ao traballo para esculpir un Cebarca competitivo, solidario e valente. Porque no fútbol modesto tamén se escriben grandes historias, e algunhas comezan cun adestrador convencido de que o límite nunca se alcanza sen antes loitar por superalo.
Que balance fas destas dúas primeiras tempadas e como afrontas este novo curso?
O balance destas dúas tempadas é positivo. Persoalmente estou contento no club e no equipo. Temos moi bo grupo e ambiente no equipo. A directiva coida cada detalle e o trato é inmellorable.
No aspecto deportivo, o primeiro ano fixemos moi boa tempada e xogamos a fase de ascenso, creo que contra o rival máis difícil de toda a fase de ascenso. Competímola ben pero non puido ser.
O segundo ano subiu bastante o nivel, perdemos xogadores importantes, e aínda que tivemos bos momentos, non podemos igualar a tempada anterior a nivel de resultados.
Este ano afrontámolo con ilusión, creo que nos reforzamos ben. Temos que ser ambiciosos, pero con paciencia, xa que temos xogadores novos e hai moitos equipos que tamén se reforzaron moi ben.
Cres que celebrar os 50 anos supón unha motivación extra para os xogadores?
Claro que si. A todos nos fai moita ilusión estar no equipo do 50 aniversario e imos intentar desfrutalo como se merece.
Que obxectivos deportivos vos marcades para esta nova campaña?
O obxectivo é dar o máximo de cada un, desde o corpo técnico ata o último xogador do persoal para intentar estar o máis arriba posible. Obxectivo marcado a nivel clasificación non temos, pero temos que ser ambiciosos, non renunciar a nada, pero con tranquilidade e sabendo que vai ser unha liga moi difícil e igualada.
Cal dirías que é a principal fortaleza do equipo actual?
A fortaleza mais grande do persoal é a unión do grupo.
Que aspectos che gustaría consolidar no equipo durante esta terceira tempada?
Dunha banda, que independentemente do nivel de participación de cada xogador, todos se sintan importantes e involucrados, e doutra banda, a personalidade e determinación do equipo á hora de plasmar no campo a idea de xogo.
Fotos: sadmoody241



