O conxunto de Lino López competiu de ti a ti coas gregas durante a primeira metade, pero un terceiro cuarto determinante decantou o encontro a favor das visitantes por 58-77.
O Baxi Ferrol non puido completar a fazaña ante un dos grandes aspirantes ao título da EuroCup Women. O conxunto dirixido por Lino López plantou cara ao Olympiacos durante os dous primeiros períodos, nos que chegou a dominar o marcador e amosou unha gran versión tanto en ataque como en defensa. Porén, a reacción das gregas tras o paso polos vestiarios cambiou por completo o guión do encontro e acabou condenando as ferrolás, que terminaron cedendo por 58-77 nunha noite na que competiron, pero na que pagaron caro os seus minutos de desconexión.
O encontro comezou cun ritmo vertixinoso. O Olympiacos foi o primeiro en golpear, con Pendande e Ewodo como protagonistas, pero o Baxi non tardou en responder. Doogan, cun lanzamento desde máis alá do arco, e Melia, traballando preto do aro, inauguraron a conta das locais. O partido converteuse axiña nun intercambio de transicións rápidas, con ambos os equipos buscando sorprender ao rival e cunha intensidade defensiva das ferrolás que marcaba as primeiras diferenzas. As de Lino López atopábanse cómodas sobre a pista e souberon aproveitar o seu bo traballo atrás para gañar confianza en ataque. O Baxi foi tomando as rendas do encontro ata que Priede, cunha nova canastra, e dous triplos consecutivos de Maggie Doogan e Karolina Sotolova puxeron o broche a un espectacular parcial de 8-0. O primeiro cuarto remataba cun esperanzador 22-14 para as locais, que soñaban con dar a sorpresa ante un dos conxuntos máis poderosos da competición.
O segundo período mantivo a mesma dinámica inicial. O equipo grego abriu o marcador con dúas accións de Maly e Ewodo, ás que responderon Doogan e Melia para conservar a vantaxe ferrolá. Pero as locais atravesaron uns minutos de dificultades ofensivas que permitiron ao Olympiacos recortar distancias e volver meterse de cheo no encontro. Christinaki, principal referencia ofensiva das visitantes, xunto con Fankam e Ewodo, tentaron igualar a contenda, pero o Baxi soubo resistir nos momentos de maior presión. Sotolova e Doogan apareceron nos instantes finais do cuarto para evitar que as gregas culminasen a remontada. Deste xeito, as ferrolás marchaban aos vestiarios cunha vantaxe de catro puntos (35-31) e coa sensación de ter feito méritos suficientes para competir polo triunfo.
Todo mudou tras o descanso. O Olympiacos regresou á pista cunha marcha máis, mentres que o Baxi acusou os problemas para atopar o camiño cara ao aro. Pendande anotou na primeira posesión e, pouco despois, encadeou un triplo ao que se sumou outro de Maly. Un parcial de 0-8 deu a volta ao marcador e obrigou Lino López a deter o partido cun tempo morto. A pausa non conseguiu frear completamente o impulso visitante. Doogan rompeu a seca anotadora das ferrolás, pero as gregas continuaron castigando os erros locais e ampliando progresivamente a súa renda, que chegou aos dez puntos a falta de catro minutos para o remate do período. Nese momento apareceron de novo Priede, que estaba asinando unha gran actuación, especialmente no apartado defensivo, e Maggie Doogan. Ambas conseguiron frear a sangría e devolverlle ao Baxi parte das boas sensacións da primeira metade. Con todo, dous triplos de Lambert e Maly nos últimos compases deixaron o marcador nun 45-53 ao remate do terceiro cuarto, despois dun contundente parcial de 10-22 favorable ao Olympiacos.
Lonxe de renderse, o Baxi afrontou os últimos dez minutos coa intención de volver entrar no partido. Doogan abriu o período anotando para as locais, aínda que Christinaki e Fankam responderon de inmediato para manter as distancias. Shaw, que non estaba a ter a súa mellor noite, conseguiu finalmente estrear o seu marcador particular cun triplo e unha boa acción individual que devolveu certa esperanza á bancada ferrolá. Semellaba que as de Lino López podían atopar o camiño para unha última tentativa de remontada, pero o Olympiacos non estaba disposto a deixar escapar o triunfo. Fankam, Ewodo e Christinaki volveron facer dano e situaron o seu equipo trece puntos por riba unha vez superado o ecuador do cuarto. O Baxi seguiu loitando, sen baixar os brazos e tentando recortar diferenzas, pero a falta de acerto ofensivo acabou por pesar demasiado. As ferrolás acumularon varios minutos sen anotar, mentres que as gregas comezaron a converter en puntos practicamente todo aquilo que non lles entrara durante o primeiro cuarto. O partido esmoreceu así sen que as locais puidesen completar a reacción e o marcador final reflectiu un 58-77 que castigou en exceso o esforzo realizado durante boa parte do encontro.
No apartado individual, Maggie Doogan foi a máxima anotadora do Baxi Ferrol con 19 puntos, converténdose na principal referencia ofensiva das locais. No bando visitante, Eleanna Christinaki asinou tamén 19 puntos e 22 de valoración, cifras que lle permitiron levar o recoñecemento de MVP do encontro.
A derrota deixa as ferrolás cun balance dunha vitoria e tres derrotas na competición europea, unha situación que complica as súas opcións de acceder á seguinte rolda como un dos mellores terceiros clasificados. Aínda así, mentres existan posibilidades matemáticas, o Baxi non renunciará a seguir pelexando por unha clasificación que se presenta moi esixente.
Agora toca pasar páxina e cambiar o chip. Case sen tempo para descansar, as de Lino López deberán centrarse no próximo compromiso da Liga Feminina Endesa. Será este venres, coa disputa da sétima xornada, nunha complicada visita ao Leganés. Un novo reto para un equipo que, malia non poder celebrar esta vez unha vitoria europea, volveu demostrar que ten argumentos para competir e que non está disposto a renderse ante ninguén.
BAXI FERROL: Esther Castedo (5), Sydney Shaw (5), Katerina Galickova (5), Maggie Doogan (19) e Claire Melia (8); Tayra Eke (7), Sandra Martínez (0), Karolina Sotolova (5) e Nikola Priede (4).
OLYMPIACOS SFP: Yohana Ewodo (12), Lola Pendande (14), Kyra Lambert (7), Eleanna Christinaki (19) e Dulcy Fankam (13); Zafeirenia Karlafti (0), Christina Anastasopoulou (0), Evgenia Kollatou (0) e Morgan Maly (12).
CUARTOS: 22-14; 35-31 (13-17); 45-53 (10-22); 58-77 (13-24).
ÁRBITROS: Giacomo Dori, Stan Kestein e Luís Daniel Mascarenhas de Oliveira. Sinalaron 15 faltas a favor do Baxi e 12 en contra.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á cuarta xornada da fase de grupos da EuroCup Women disputada no Pavillón da Malata ante 1397 afeccionados.
Foto: sadmoody241



