O Valdetires non levanta o pé do acelerador e golea ao Teidaya

O conxunto ferrolán continúa lanzado e prolongou a súa magnífica dinámica de resultados cunha contundente vitoria por 7-0 ante o Teidaya, nun encontro no que as locais foron moi superiores de principio a fin e no que Tere asinou un póker de goles.

Un novo triunfo que permite ás ferrolás consolidarse na terceira posición da clasificación e confirmar o excelente momento de xogo e confianza polo que atravesan. Antes do inicio do encontro, o Valdetires quixo render homenaxe a Jesús de Miguel, xogador do CD Tenerife, nun xesto de recoñecemento que precedeu a unha auténtica exhibición das locais sobre a pista.

O conxunto ferrolán saíu decidido a levar a iniciativa e axiña comezou a acumular ocasións. Rio Matsuki foi a primeira en avisar cun disparo cruzado, mentres que pouco despois Carol Senra estivo moi preto de inaugurar o marcador. A xogadora ferrolá regateou a gardameta Karen, pero o seu remate acabou estrelándose na cruceta. O dominio local era absoluto. O Valdetires presionaba con intensidade, asediaba a portería visitante e recuperaba rapidamente a posesión cada vez que o Teidaya trataba de saír ao contraataque. As ocasións seguían sucedéndose e, nunha delas, Iria filtrou un excelente pase picado para Irene, que rematou a bote pronto e obrigou a Karen a realizar unha intervención providencial.

A insistencia ferrolá acabaría tendo premio. Rio Matsuki foi a encargada de abrir o marcador tras unha magnífica acción colectiva. Tere filtrou un balón para Carol Senra, que puxo un pase raso ao segundo pau para que a xogadora xaponesa só tivese que empurrar o esférico ao fondo da rede. O primeiro tanto non modificou o guión do encontro. O Valdetires seguía sendo moi superior e non tardaría en ampliar a vantaxe cunha xogada practicamente calcada á do primeiro gol, aínda que coas protagonistas intercambiadas. Nesta ocasión foi Carol quen filtrou un excelente pase entre liñas para Rio Matsuki, que asistiu a Tere para que esta fixese o 2-0.

A dous minutos do descanso, as ferrolás tiveron a oportunidade de marchar aos vestiarios cunha vantaxe aínda maior. Un dobre penalti permitiulles buscar o terceiro, pero Karen adiviñou as intencións de Iria e detivo o lanzamento. Con todo, o 2-0 ao descanso reflectía o dominio exercido polo Valdetires durante os primeiros vinte minutos. As tinerfeñas apenas conseguiron poñer a proba a Suzan en accións illadas, sen chegar a inquietar seriamente a área local.

Tras a reanudación, o guión non cambiou. O Valdetires mantivo a intensidade, a presión e a ambición ofensiva, disposto a sentenciar canto antes. Tere tivo o terceiro nas súas botas tras recibir un bo pase de Carol, pero Karen volveu responder cunha intervención que enviou o balón a saque de esquina. Precisamente nesa acción chegaría o terceiro da noite. Dany encargouse do saque de esquina e Tere, cun remate espectacular, enviou o balón directamente á escuadra para ampliar a vantaxe das ferrolás. Case sen tempo para celebrar o tanto, o Valdetires volvería golpear. Nunha rápida transición, Mariña cedeu o balón a Irene, que non perdoou no man a man ante Karen para establecer o 4-0.

As locais eran un auténtico vendaval e seguían acumulando chegadas á área rival. Tere, decidida a converterse na gran protagonista da noite, asinou o quinto cunha das súas características arrancadas. A xogadora ferrolá gañou metros, sacou un potente disparo e, aínda que Karen conseguiu tocar o balón, non foi quen de blocar o remate, que acabou no fondo da portería. A goleada continuaría medrando. Sen apenas tempo para reaccionar, Rio Matsuki volveu aparecer pola banda para superar a Karen cun toque sutil e facer o sexto tanto das locais. O Valdetires non levantaba o pé do acelerador e quería máis.

O sétimo acabaría chegando de novo por medio de Tere, que cazou un bo balón dentro da área para completar o seu póker particular e poñer o definitivo 7-0 no marcador. Unha actuación sobresaliente da xogadora ferrolá, protagonista dunha segunda metade na que o conxunto local desatou todo o seu potencial ofensivo.

Na última acción do encontro, o Teidaya dispuxo dunha boa oportunidade para conseguir o tanto da honra, pero o remate acabou estrelándose no poste da portería defendida por Sheyla, que ocupara boa parte do segundo tempo baixo paus.

Deste xeito, o Valdetires pechou unha nova xornada cunha goleada incontestable, prolongando a súa gran xeira de resultados e reforzando a súa condición de terceiro clasificado. Un equipo que combina intensidade, eficacia e un excelente traballo colectivo e que segue demostrando que atravesa un gran momento. A próxima parada será o vindeiro sábado ás 18:45 horas, cando as ferrolás visitarán o Pavillón Manuel Busto para enfrontarse ao filial do Rodiles. Un novo compromiso no que o Valdetires buscará dar continuidade a esta excelente dinámica e seguir afianzándose nos postos altos da clasificación.

Foto: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas