Álex Piñeiro: “Gustaríame construír un equipo unido”

Alejandro Piñeiro Otero (Pontedeume, 1987), coñecido como Álex Piñeiro, leva o balonmán eumés no sanque, xa que formouse e xogou toda a súa vida no club, onde chegou a exercer como capitán.

Esta tempada deu un novo paso, asumindo o reto de converterse no adestrador do equipo.

Que te motivou para asumir o novo papel de adestrador?
Realmente, non mo formulara. A miña idea desde o principio era adestrar un equipo da base, pero a chamada de Óscar, o expresidente, cambiouno todo. Comentoume que Deus non continuaba e que necesitaban alguén que lles botase unha man. A verdade é que me sorprendeu. Despois de pensalo durante uns días e falalo coa familia, decidín asumir o reto. E aquí estou, con moitísimas ganas de aprender, de seguir medrando e de achegar todo o que sei, aínda que me quede moito por aprender.

Que estilo queres imprimir ao equipo?
Teño un equipo novo, con moitos xogadores que deron o salto desde a etapa xuvenil e aos que aínda lles falta rodaxe, pero que teñen moita marxe de mellora. Paco Deus xa viña traballando con eles, ao igual que Iago Muiña, dous referentes nos que me vexo reflectido e dos que tamén se pode aprender moito. A miña idea é ter un equipo coas ideas claras, no que todos aprendan a xerar vantaxes para o compañeiro e a mellorar a toma de decisións. Quero que sexamos sólidos en defensa e, sobre todo, que permanezamos sempre unidos, porque creo que esa é unha das claves para medrar como equipo.

Que soño che gustaría cumprir como adestrador?
O meu soño como adestrador é seguir aprendendo, medrar e axudar os meus xogadores a mellorar, non só dentro da pista, senón tamén como persoas. Gustaríame construír un equipo unido, que goce do balonmán e que consiga grandes cousas a través do traballo e do compromiso. Tamén quero agradecerlle á nova directiva a súa valentía e o seu compromiso por asumir o reto de facerse cargo do club. Pola miña parte, afronto esta etapa con moitísima ilusión e con ganas de achegar o meu gran de area para que sigamos medrando xuntos.

Fotos: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas