Ademais dos destacados resultados acadados en todas as categorías, os carballeses sumaron dous novos récords galegos.
O Club Sysca deu comezo á tempada 2026/2027 coa disputa da primeira xornada da liga galega de piscina nas categorías infantil, cadete, xuvenil, júnior e absoluta. Despois dunhas semanas de preparación do novo curso, os carballeses regresaron á competición da mellor maneira posible. Ao longo da fin de semana, o club estivo representado por case 90 deportistas, que se estrearon con boas sensacións e notables resultados.
Os infantís desprazáronse ata Arteixo na tarde do sábado para participar na primeira xornada ligueira. Un dos máis destacados foi Nicolás Cerviño, que se impuxo nas dúas probas individuais disputadas: os 100 metros arrastre de manequín con aletas e os 50 metros arrastre de manequín. Nesta última proba tamén sobresaíu Diego Bodelo, ao rematar na segunda posición. Pola súa banda, Ada Quintela foi terceira nos 100 metros arrastre de manequín con aletas e quinta nos 50 metros arrastre de manequín. En canto aos relevos, o equipo masculino venceu no 4×50 combinado e rematou segundo no 4×25 arrastre de manequín, mentres que o feminino finalizou segundo en ambas as probas.
Tamén competiron o sábado pola tarde os deportistas júnior e absolutos, neste caso na piscina Carballo Calero. Nas probas con aletas, o gran dominador foi Gabriel Rodríguez, xa que se impuxo tanto nos 100 metros arrastre de manequín con aletas como nos 100 metros socorrista. Nesta última estableceu un novo récord galego absoluto, do mesmo xeito que fixo o júnior Álvaro Lavandeira nos 100 metros combinada. Outro dos nomes propios da xornada foi o de Andrea Goimil, co seu triunfo nos 100 metros combinada e a terceira posición acadada nos 200 metros obstáculos.
Ademais, destacaron Carla Mourelle, segunda nos 200 metros obstáculos; Joel García, terceiro nos 100 metros socorrista; Paula Ferradás, terceira nos 100 metros combinada; e Raquel Suárez, terceira nos 100 metros arrastre de manequín con aletas. Pola súa banda, Sara Puñal, Marta Eirís, Sara García e Anxo López tamén conseguiron situarse entre os cinco primeiros nalgunhas das probas celebradas nesta estrea ligueira. No único relevo disputado, o 4×25 arrastre de manequín, o conxunto feminino acadou o primeiro posto, mentres que o masculino tivo que conformarse coa segunda praza.
Xa o domingo pola mañá, de novo en Carballo, foi a quenda dos cadetes e xuvenís. Na categoría cadete, a máis destacada foi Laura Rodríguez, ao ser primeira nos 100 metros combinada e terceira nos 50 metros arrastre de manequín. Pola súa banda, Jaime Buño rematou a proba de combinada na terceira posición e a de arrastre de manequín no cuarto posto. Por equipos, tanto o relevo feminino como o masculino foron terceiros no 4×25 arrastre de manequín.
En canto aos xuvenís, Clara Tasende e Mateo Castelo impuxéronse nos 100 metros combinada. Ademais, Clara repetiu triunfo nos 50 metros arrastre de manequín, mentres que Mateo só puido ser segundo. Tamén acadaron notables resultados Elena Vázquez, terceira na combinada e quinta no arrastre de manequín; Rodrigo Barca, cuarto en ambas as probas; e Lluc Pensado, quinto na combinada. No relevo 4×25 manequín, os rapaces remataron segundos, mentres que as rapazas foron cuartas.
Esta semana chegará a quenda dos máis veteranos, os deportistas máster. Disputarán a primeira xornada de liga o sábado 21 de novembro en horario de tarde, na piscina municipal Antía García Silva, en Caldas de Reis.
Info e fotos: Club Sysca



