A aleiro cántabra Alba Sánchez-Ramos comprométese co Baxi Ferrol

O Baxi Ferrol conseguiu a fichaxe da aleiro cántabra Alba Sánchez-Ramos, que procede do Leganés.

A xogadora, que ten 24 anos e mide 1.83 metros, formouse nas filas do Baloncesto Torredolones, para logo marcharse a Estados Unidos, onde xogou na Universidade de Wyoming, onde foi campioa da súa conferencia no ano 2021. Posteriormente, regresou a España para asinar polo Legánes co que xogou as dúas ultimas campañas, a primeira na liga Endesa e a segunda na liga Challenge A deportista acabou a tempada cunha media de 10,2 puntos e 3,4 rebotes. Tamén Alba xogou coas seleccións españolas de formación logrando a medalla de prata no Europeo Ou18 e unha de bronce no Mundial U19. Ademais, foi a única española convidada pola NBA e FIBA para participar no campus de novas promesas mundiais na cancha de Los Ángeles Lakers.

O preparador do cadro ferrolán, Lino López, destaca sobre a xogadora que “Alba é unha xogadora exterior moi completa. Con bo físico, sobre todo, destaca polo seu tiro exterior, é boa pasadora e boa xogadora de equipo. Fai moitas cousas sempre ao servizo do equipo. Ela chegou de Estados Unidos a España e xa quixen fichala nese momento, pero decidiu quedar en Madrid e agora tivemos a oportunidade de volver contratala e estou moi contento de que decidise elixir o noso club para seguir crecendo”.

Pola súa banda, a xogadora comenta sobre a súa fichaxe polo BAXI Ferrol que “é un equipo con moita tradición en liga feminina, con equipos competitivos sempre e moi bos grupos de persoas. Ademais, é moi ilusionante o feito de disputar a Eurocup; que para min é a primeira oportunidade de xogar unha liga europea”. En canto ao que pode achegar ao equipo, a deportista sinala que “moito traballo e ilusión, ademais que creo que o modo de xogo vai permitir achegar en diferentes aspectos, tanto en ataque como en defensa”.

Desta forma, coa chegada de Alba Sánchez-Ramos, o equipo xa dispón de oito xogadoras tras anunciar a continuidade de Ángela Mataix, Julie Pospisilova e Gala Mestres e as fichaxes de Carlota Menéndez, Moira Joiner, Noa Morro e Blanca Millán.

CAMPAÑA DE ABONADOS

Ademais, segue aberta a campaña de abonados para poder renovar ou darse de alta. Polo momento, renovaron o seu abono 738 persoas, mentres que se produciron 192 altas. Todas as persoas interesadas poden pasarse pola Taberna Arauxa, no Cantón de Molins 6, de martes a domingo de 12.00 a 15.00 e de 18.00 a 22.00 horas, asi como os luns de 18.00 a 21.00 horas nas oficinas do club no pavillón da Malata. Tamén se poden facer as xestións a través do correo electrónico abonadosuniferrol@gmail.com.

Fotos: Manu Márquez

 

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas