O Baxi Ferrol pechou a fichaxe da pivote americana Mimi Collins, que vivirá a súa primeira experiencia no baloncesto europeo.
A xogadora, que ten 24 anos e mide 1.90 metros, estivo as últimas tempadas na NCCA, un ano en Tennessee, dous en Maryland e as dous seguintes en North Carolina State. A deportista acabou a campaña cunha media de 10,6 puntos e 6,2 rebotes, promediando un 38,9% en tiros de tres puntos. Hai que destacar que este verán Mimi foi convocada polo equipo da WNBA Minnesota Lynx para tomar parte no seu Campus, aínda que finalmente non puido quedar para disputar esa competición.
O adestrador do conxunto ferrolán, Lino López, destaca sobre a nova xogadora que “Mimi Collins é unha xogadora interior, da Universidade de North Carolina State, un gran programa, que xogaron a Final Four esta tempada. É unha xogadora polivalente, con bo tiro, con capacidade para anotar e para pasar. Eu creo que a súa maior virtude é que é unha gran competidora. Sempre demostrou que é unha gañadora”. O técnico da escuadra departamental tamén engade que “todos os informes que temos dela, do mesmo xeito que do resto de xogadoras, é que é moi boa compañeira e sempre dá o seu máximo en cada adestramento e cada partido”.
Mimi é capaz de xogar tanto de catro como de cinco, porque ten un bo movemento de pés e tamén é capaz de saír a fóra para lanzar de tres, con boas porcentaxes. Desta forma, coa chegada de Mimi Collins, o equipo xa dispón de nove xogadoras tras anunciar a continuidade de Ángela Mataix, Julie Pospisilova e Gala Mestres e as fichaxes de Carlota Menéndez, Moira Joiner, Noa Morro, Blanca Millán e Alba Sánchez-Ramos.
CAMPAÑA DE ABONADOS
O domingo 30 de xuño termina a primeira fase da campaña de abonados, na que os que foron a campaña anterior poden manter os prezos e a reserva dos seus asentos no pavillón da Malata. A partir do 1 de xullo, os prezos unificaranse para todo o mundo. Polo momento, renovaron o seu abono 790 persoas, mentres que se produciron 206 altas.
Todas as persoas interesadas poden pasarse pola Taberna Arauxa, no Cantón de Molins 6, de martes a domingo de 12:00 a 15:00 e de 18:00 a 22:00 horas. Tamén se poden facer as xestións a través do correo electrónico abonadosuniferrol@gmail.com
Foto e información: Baxi Ferrol