O Baxi Ferrol dispoñerá da pivote irlandesa Claire Melia para disputar a próxima tempada na liga Endesa.
A xogadora, que ten 24 anos e mide 1.89 metros, estivo unha campaña na universidade americana de Saint Josephs Haws, na que aportou 10,1 puntos, 5,5 rebotes e 3,4 asistencias. O resto da súa carreira realizouna no seu país, militando na pasada campaña nas filas do Killester Dublin, co que foi a MVP da competición.
Claire é internacional coa súa selección, na que foi a capitá e este verán tamén foi unha fixa nas convocatorias do combinado irlandés de 3×3. O adestrador do conxunto ferrolán, Lino López, destaca sobre a xogadora que “Claire é unha xogadora interior, pero moi polivalente. Crepo que a súa mellor virtude é que entende moi ben o xogo e que é unha moi boa pasadora tempada. Desde esa posición é capaz de xerar, pero á vez, de asistir ás súas compañeiras”. O preparador do equipo departamental tamén engade que “vén dunha liga como a irlandesa, que non é unha competición moi potente, pero si que ten ganas de demostrar que pode xogar nunha liga do nivel da liga Feminina Endesa”.
Desta forma, coa chegada de Claire Melia, o equipo xa dispón de dez xogadoras tras anunciar a continuidade de Ángela Mataix, Julie Pospisilova e Gala Mestres e as fichaxes de Carlota Menéndez, Moira Joiner, Noa Morro, Blanca Millán, Alba Sánchez-Ramos e Mimi Collins.
CAMPAÑA DE ABONADOS
Unha vez terminada a primeira fase da campaña de abonados, segue aberto o prazo para renovar os abonos ou darse de alta. Superados os 1200 abonados, o club marcou como meta superar os 1600 para unha campaña na que vai xogar a Liga Feminina Endesa e a Eurocup. Todas as persoas interesadas poden pasarse pola Taberna Arauxa, no Cantón de Molins 6, de martes a domingo de 12:00 a 15:00 e de 19:00 a 22:00 horas. Tamén se poden facer as xestións a través do correo electrónico abonadosuniferrol@gmail.com.
Foto e información: Baxi Ferrol