Acordo de colaboración entre o Valdetires e a Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña e o Valdetires Ferrol FSF formalizaron este luns un protocolo xeral de colaboración co obxectivo de impulsar proxectos conxuntos vinculados ao deporte, á formación, á saúde e á promoción do deporte feminino.

O acordo foi asinado polo reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad, e pola presidenta do Valdetires Ferrol FSF, Laura García Meizoso, nun acto no que ambas entidades destacaron a importancia de estreitar a relación entre o ámbito universitario e o deporte feminino de alto rendemento.

Esta colaboración nace coa vontade de desenvolver iniciativas reais e útiles para ambas institucións, xerando oportunidades de formación práctica para o alumnado universitario e contribuíndo ao crecemento e profesionalización do deporte feminino.

Dentro das liñas de traballo formuladas atópanse futuras colaboracións en áreas relacionadas coa saúde e o rendemento deportivo, a comunicación, a análise de datos, a xestión deportiva ou o deseño e a imaxe institucional, entre moitas outras.

Ademais, ambas entidades traballarán conxuntamente na organización de actividades divulgativas, charlas e accións vinculadas á promoción de hábitos de vida saudables, á conciliación entre estudos e deporte e á visibilización do deporte feminino dentro da comunidade universitaria.

Así mesmo, o acordo pon especial atención na conciliación entre estudos e deporte de alto rendemento, promovendo medidas que permitan ao estudantado deportista desenvolver a súa traxectoria académica e competitiva sen ter que renunciar a ningunha delas.

Desde a Universidade da Coruña púxose en valor o impacto social e educativo do deporte como ferramenta de formación e transmisión de valores. Pola súa banda, o Valdetires Ferrol FSF destacou a importancia de construír alianzas estratéxicas que permitan seguir medrando como entidade deportiva e achegar o deporte feminino a novos espazos sociais e académicos.

Con este acordo, a UDC e o Valdetires Ferrol FSF reforzan o seu compromiso cun modelo de colaboración baseado na formación, na igualdade de oportunidades, na innovación e no desenvolvemento conxunto entre universidade e deporte.

DECLARACIÓNS DO REITOR:

“A promoción do deporte para nós é moi importante, e ir da man dos clubs, como é o caso do Valdetires Ferrol, que ten xa unha longa traxectoria no fútbol sala feminino de máis de 40 anos, polo tanto deben estar moi orgullosos tamén da súa traxectoria. Para nós é moi importante tamén asinar este convenio.”

DECLARACIÓNS DE LAURA:

“Para o Valdetires Ferrol FSF este acordo supón un paso moi importante, non só a nivel institucional, senón tamén a nivel de crecemento e futuro do club. Levamos máis de 40 anos traballando polo deporte feminino e cremos firmemente que a unión entre universidade e deporte é fundamental para seguir avanzando.

Este convenio permítenos abrir novas vías de colaboración en ámbitos moi importantes para nós, para seguir medrando como club. Sabemos a onde queremos chegar e este é un paso moi importante para alcanzar os obxectivos.

Estamos moi agradecidas pola disposición da UDC e convencidas de que esta colaboración traerá proxectos moi positivos para ambas entidades nos próximos anos.”

Info e foto: Valdetires

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas