Desde a defensa érguese unha promesa que medra con forza no fútbol costeiro.
Formada no Laxe e curtida no Ponteceso, Ainhoa Rodríguez Varela (Laxe, 2008) afronta no Xallas a súa primeira tempada. É unha zagueira polivalente, rápida e intensa, que destaca polo seu toque e pola boa saída do balón, achegando puro carácter competitivo e ambición constante.
Que te sorprendeu máis ao chegar?
O que máis me sorprendeu foi o ben que me acolleron desde o minuto un, facéndome sentir unha máis, así como o nivel de unión e compañeirismo que teñen, tanto entre as xogadoras como co corpo técnico, formando unha pequena gran familia. Ademais, algo que non me sorprendeu como tal, pero si que me gustou moito, foi a ambición e competitividade do grupo á hora de afrontar cada partido buscando ese resultado positivo que nos fai medrar pouco a pouco na categoría e como xogadoras.
Como te sintes ao xogar a final da Copa na túa primeira tempada como xalleira?
Xa non é que sexa a miña primeira tempada como xalleira, senón que tamén é a miña primeira final da Copa da Costa, síntome moi motivada e con ganas de dalo todo para conseguir o título, aínda que será un partido igualado e complexo. Tanto eu como as compañeiras estamos desexando que sexa o día e dar o máximo de nós diante da nosa xente e na nosa casa.
Que che está a parecer a categoría de Primeira?
Para min esta é unha liga que require un bo nivel físico, ao cal penso que nos estamos adaptando bastante ben. Está sendo unha tempada complicada e de moito aprendizaxe, xa que é o primeiro ano para todo o grupo nesta categoría, pero que a pesar deses altos e baixos, grazas tanto ao vestiario que estamos consolidando cada día e ao nivel individual e colectivo, somos capaces de saír adiante como equipo, sendo esta a palabra que define ao Xallas.
Foto: fotofuentes




