O porteiro Iván Bouzón Quintáns “Bouzi” (Cee, 1995), chegou no tramo final da pasada tempada ao Muxía tras formarse nos xuvenís do Cee e do Compos, onde sufriu unha grave lesión no xeonllo. Tras recuperarse, recalou no Dumbría, Fisterra e Noia, regresando ao Cee antes de chegar aos corviños.
Bouzi é un porteiro fiable que mestura talento, carácter e experiencia, converténdose nun auténtico gardián baixo paus.
Que significa para ti disputar a final da Copa?
Pois a posibilidade de pechar unha moi boa tempada co Muxía e gañar a miña segunda Copa da Costa, sobre todo despois de caer o ano pasado na final. E a parte diso, a verdade é que Muxía merece unha Copa da Costa, non só por como viven o fútbol, senón tamén por que é unha afección que nos segue a todos os campos, non importa o tempo que faga.
Como estás a ver o nivel da liga?
Nivel bastante máis alto que outros anos, polo simple feito de que calquera lle pode ganar a calquera, e está todo bastante apertado, tanto na zona alta como na zona baixa.
Que importancia ten a confianza entre porteiro e defensa?
Moitísima, sobre todo tendo en conta a nosa forma de xogar, xa que se tes un porteiro que xunto coa defensa che pode dar saída de balón, gañas moito en xogo. Ademais, no meu caso confío moito na defensa que teño actualmente e penso que eles en min tamén, aínda que as veces fago algunha das miñas (risas).
Foto: fotofuentes




