A retagarda do Victoria CF está ben asegurada coa presenza dunha gran gardiá como é a gardameta Ainhoa Tenreiro Pérez (Pontedeume, 2005), que cumpre a súa segunda tempada na escuadra herculina que milita na Terceira Federación Feminina.
A porteira eumesa, que reúne múltiples calidades que a definen como un piar fundamental baixo os paus, como os seus grandes reflexos felinos, a súa capacidade de liderado para ordenar á súa defensa e a seguridade que transmite á hora de rexeitar ou blocar balóns, é unha das grandes promesas que saíu de Ferrolterra tras formarse no club da súa cidade natal, o Eume, e vestir posteriormente as cores doutros equipos de renome como O Val, o Orzán B, o Dépor B ou o Bergantiños. Ademais, é unha porteira cunha alta capacidade de concentración e que en cada partido realiza o seu habitual ritual de dar dous saltos coa perna esquerda, despois coa dereita, outro coa esquerda e tocar o traveseiro cando vai de camiño á portería, así como ter presente a un ser querido da súa familia, como é o seu bisavó, portando sempre unha pulseira de lazo negro.
Como naceu a túa paixón por enfundarte as luvas?
Polo meu pai, cando el xogaba de pequeno tamén se atopaba nesa posición, empezou a ensinarme, a adestrarme e é a posición máis bonita de todas.
Que figuras foron os teus principais apoios durante a túa traxectoria deportiva?
A figura principal sempre foi o meu pai, xa sexa para o bo e para o malo. A nivel profesional, Ter Stegen.
Que momentos foron máis especiais a nivel deportivo?
Pois os ascensos, con O Val a galega, co Bergan a nacional, a liga que gañamos co Orzán, e por suposto, a Copa da Coruña que disputamos nun campo moi especial para min, Riazor.
Cales dirías que son os teus obxectivos a curto e longo prazo?
Gozar do deporte, ir a máis cada día, non deixar de autoesixirme e de progresar, e por suposto, poder chegar onde quero cumprindo un soño, ser futbolista profesional.
Como é un día lonxe do fútbol na vida de Ainhoa?
Pola mañá adoito estudar, logo antes de comer despexo a cabeza dando un paseo, despois descanso un intre e volvo saír a camiñar ou correr, depende do día. Pola noite adoito repasar algo do estudado e acabo vendo un capítulo dalgunha serie.
Foto: sadmoody241




