Rodri Toja: “O club se portou moi ben comigo e estou moi contento”

Cando o balón se achega ao arco do Baio, todos saben que Rodrigo Toja Mariño (Carballo, 2005) está alí, firme como un muro.

Cada parada é un acto de liderado e cada reflexo unha declaración de intencións. Baixo a súa custodia, a portería convértese nun bastión, e o equipo nunha forza que nunca se rende. Rodri non só protexe o gol, define o espírito do Baio cunha traxectoria que comezou nas Escolas Luis Calvo e que continuou na base do Dépor, e por convenio, estivo no San Tirso no primeiro ano de infantís, xogando a liga cos de segundo. Tamén chegaría a disputar unha tempada no Ural xuvenil e tería varias convocatorias co Fabril.

Como descubriches que querías ser porteiro?
Nun torneo en Dorneda de pequeno. Non había porteiro e tocoume poñerme a min, fíxeno bastante ben, parei dous penaltis na final e gañamos. A partir de aí empecei de porteiro con Agustín e Trucho no prebenxamín do Luis Calvo.

Que levoute a fichar polo Baio e que atopaches ao chegar ao club?
Sinceramente, no Deportivo xa sabía que non tiña cabida, xa que na segunda volta acumulei poucos minutos e os porteiros do Fabril tiñan contrato, entón xa sabía que para o ano non continuaría. Outra razón foi non ter representante nin ter unhas redes sociais influentes coas cales buscar outra saída profesional. O Deportivo tentou buscar algo, pero o único que saíu foi o Vizoño e non me convencía pola distancia. O que me levou ao Baio foi as miñas amizades e a proximidade á miña familia paterna. Ao chegar ao club, a verdade que houbo un bo recibimento, a pesar que non empecei xogando, xa que Javi Souto xa estaba bastante consolidado no equipo e é moi bo porteiro. A partir do partido de Porteño xa empecei a gañar confianza e Félix decidiu apostar por min. A verdade é que o club se portou moi ben comigo e estou moi contento.

Como traballas para manter a calma nos minutos finais dun partido axustado?
En canto aos nervios, depende moito das sensacións do partido, por exemplo, contra o San Lorenzo sentía unha confianza brutal ao final do partido e no que menos pensaba era nos nervios. Pero logo, noutros partidos que non tiven tantas accións ou pouca participación, si que pode haber máis nervios. Creo que depende da miña participación no partido e se foi boa ou mala.

Tes algunha rutina especial antes dos partidos?
Son un porteiro moi rutineiro. Sempre me tomo un café antes de xogar, adóitome poñer antes a luva esquerda que a dereita, entro ao campo sempre co pé dereito, e sobre todo, despois da foto de equipo sempre vou ao banco para pedir unha botella de auga a Bertino.

Que soños queres cumprir como futbolista?
A verdade é que cando era pequeno soñaba con xogar no Dépor e conseguino. Participei en competicións importantes a nivel nacional e algún torneo internacional. Agora, estando nun fútbol máis modesto, busco algo máis tranquilo, unha vida máis acomodada e ter máis tempo para dedicarlle aos amigos, familia e outros hobbies en lugar de centrarse unicamente no fútbol como facía antes, xa que ocupaba unha gran parte do meu tempo e deixábame pouca chance a realizar algún plan con amigos, familia, viaxes, etc.

Foto: kaatya.png

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas