Alexia Lorenzo: “En Estados Unidos o fútbol é moi físico e trátanche como profesional”

A talentosa Alexia Lorenzo Pereira (Coristanco, 2006) comezou a súa traxectoria no Coristanco ata cadetes, para seguir no Victoria CF e logo estar tres tempadas no filial. Posteriormente machou a Estados Unidos cunha beca deportiva de catro anos para a Freed-Hardeman University, en Tennessee, onde compaxina o fútbol no equipo universitario cos estudos de kinesioloxía cun máster en ciencias do exercicio, cumprindo esta tempada o seu segundo ano en terras americanas.

Como foi tomar a decisión de dar o salto a Estados Unidos?
Desde pequena son unha persoa que se aburre facilmente e non me gusta a rutina. Son moi curiosa e quería estudar noutro sitio, viaxar, pero parecíame imposible se non era millonaria e o fun quitando da cabeza porque teño que aceptar as condicións nas que vivo. Cando estaba no Victoria, dúas nenas maiores que eu se foron a Estados Unidos, e víao como algo imposible, porque era coma se o Barcelona ficháseme. En segundo de bacharel xa tiña pensado estudar fisioterapia na Coruña e entón chegoume unha mensaxe de Playball Agency, de se estaba interesada en ir a Estados Unidos e dixen que si por informarme, e aí foi onde empezou todo o proceso da beca, que é moi difícil que cha concedan porque che piden moitas cousas, ter moi boas notas desde sempre, nivel de inglés, facer un exame que se o suspendes non podes ir ou en que posto quedaches na túa promoción de segundo de bacharel. Os meus pais apoiáronme en todo, deille para adiante e aquí estou, moi contenta, a verdade.

Como está a ser a túa vida alí?
Non me esperaba que fose tan dura entre comiñas, porque á fin e ao cabo estás a estudar unha carreira e ao mesmo tempo considéranche unha futbolista profesional, entón entendo que sexa difícil. Case todos os días temos adestramento: ximnasio ás cinco ou seis da mañá, logo a clase ata as dúas ou tres da tarde, fisio, adestramento e vou á biblioteca ou a casa para estudar. Ademais, temos partidos os martes ou mércores e os sábados, e os que nos tocan fóra temos que saír o luns para durmir nun hotel, xogar o martes e de novo ao hotel para durmir, polo que perdes moitas horas de clase e é moi difícil recuperalas.

A nivel deportivo, hai moita diferenza con respecto ao fútbol de aquí?
Si, a maior diferenza que atopei é que aquí o fútbol é moi físico. Os entrenos son moi físicos e a pretemporada é moi dura. Os partidos son como en fútbol sala, se para o tempo e todo o intre correndo. Os adestradores fíxanse máis no aspecto físico que no técnico, e aínda que sexas boa cos pés, se non estás ben fisicamente, non xogarás. Ademais, aquí trátanche como profesional e antes de adestrar temos que ir ao fisio a pesarnos, mirar o nivel de hidratación, dúas veces á semana facer o “ice bath” de meterche na auga con xeo e tes moitas facilidades.

Que obxectivos tedes esta tempada?Levamos xogando desde principios de agosto, pero estes partidos son como para gañar clasificación. Non é como a liga que sumas puntos, aquí miran os goles e segundo os enfrontamentos que tiveches fan unha clasificación. Empezamos a Conference, que é como a Champions, o importante da tempada. Así que os partidos eses si que valen para a clasificación, pero máis que nada son para adestrar para a Conference. A nosa liga é moi boa e o noso equipo este ano non é tan bo, non creo que gañemos moitos partidos, pero o noso obxectivo é competir.

Expuxéchesche que pasos darás cando finalices a beca?
A verdade é que non teño nin idea. Quero ser fisio e aquí tes que estudar unha carreira e especializarte en fisio. Estou a estudar kinesioloxía e téñome que especializar en fisio, que son outros dous anos, pero non quero estar tanto tempo aquí en Estados Unidos. Entón, non sei se volverme a España e coa axencia que teño que me busque un equipo de fútbol semiprofesional ou como me dixo a adestradora, que despois de aquí, moitas veces os equipos semiprofesionais e profesionais veñen á universidade e pode ser que me fichen e páguenme a especialización para ser fisio. Pero tampouco sei o que quero facer, aínda me quedan tres anos e o que teño claro é que quero seguir xogando ao fútbol e facer a carreira de fisio aquí ou en España.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Álex Varela: “Reforzámonos ben”

Desde a ambición competitiva e o instinto goleador emerxe Alejandro Varela Maceiras (Miño, 1998), coñecido como Álex Varela. Mediapunta de formación e dianteiro por determinación,

Artai: “Somos unha piña”

O atacante Artai Miraz Casal (Ferrol, 1997) é vertixe e determinación ao servizo do Meirás, onde afronta a súa segunda tempada. Formouse no Racing desde