Alejandro Aldana: “Atópome moi contento e con moita enerxía para traballar polo equipo e polo futuro do club”

O Volei Dumbría inicia unha nova etapa na Superliga 2 de voleibol con importantes novidades, sendo a principal o cambio de dirección técnica coa chegada do arxentino Alejandro Aldana, quen substitúe ao uruguaio Emiliano Martínez.

O club presidido por César Ferrío mantén o seu compromiso co desenvolvemento da canteira e afronta con moita ilusión esta nova tempada entre a elite do voleibol.

Quen é Alejandro Aldana e como chega ao Volei Dumbría?
Alejandro Aldana, procedente de Arxentina, conta cunha ampla traxectoria de 17 anos como adestrador, tanto en categorías formativas como en equipos profesionais da liga arxentina. Nos últimos seis anos foi o adestrador do Ciudad Voley, equipo bicampión arxentino e subcampión suramericano. Agora, chega a Dumbría con grandes expectativas: “Non dubidei en aceptar a oferta do club. Atópome moi a gusto coa paisaxe e a localización, é un lugar ideal para traballar e moverse por Galicia”.

Que valoración fas do cadro de xogadores do Volei Dumbría?
“O persoal conta cunha base sólida”, comenta Aldana. Tres xogadores estranxeiros como Néstor, Alex e Renzo forman parte fundamental do equipo, e seguen acompañados polos coñecidos Costa e Domínguez, ademais do regreso de Redonda. Outro aspecto importante é a aposta polos xogadores máis novos: “Incorporamos a seis xuvenís e varios infantís. O noso obxectivo é potenciar o seu crecemento tanto técnico como físico, xa que teñen un futuro moi prometedor”.

Cales son os obxectivos do equipo na Superliga 2?
Aldana ten claras as metas para esta tempada: “Queremos facer crecer aos xogadores máis novos e xerar un forte sentido de pertenza na afección, que poida verse reflectido no esforzo e a entrega do equipo en cada partido”. O adestrador tamén pon o foco no futuro: “A idea é comezar a planificar as próximas dúas ligas para aumentar o número de xogadores e mellorar aínda máis as condicións do club. Buscamos converternos nun referente en Galicia, non só pola nosa participación na Superliga 2, senón tamén polo noso traballo en categorías formativas”.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas