Falar de Smash Padel 4 é falar do seu fundador Álex Permuy e unha vida plenamente dedicada ao deporte, coñecido polo seu pasado futboleiro (Numancia de Ares, Racing Club Ferrol, RC Celta “B”, Alondras CF, UD Somozas e Galicia de Mugardos) e pola súa paixón polo mundo do pádel.
É unha persoa próxima, moi implicada e con don de xentes que lle valeron para gañarse a confianza de todos aqueles que se achegan ata o Polígono de Vilar do Colo para gozar do pádel.
Como nace a idea de Smash Padel 4?
Despois de empezar a xogar algún partido e coñecer este deporte xunto ao meu pai, ambos empezamos a valorar a idea. Desde neno a miña paixón foi o deporte e teño a sorte de que toda a miña formación e experiencia profesional estiveron sempre dalgunha maneira ou outra vinculadas a el en diferentes áreas. A miña familia sempre estivo involucrada e acompañoume neste camiño ata o momento de chegar a expornos a posibilidade de crear o noso propio club de pádel. A aposta foi arriscada xa que o investimento era considerable, nun polígono practicamente baleiro naquel momento, pero atopamos a nave ideal e a localización parecíanos privilexiada así que decidimos lanzarnos.
Que fai diferente a Smash Padel 4 con respecto á competencia?
Principalmente o trato próximo e familiar que ofrecemos a cada xogador, tentando conseguir que todos os clientes sentan como na súa segunda casa, parécenos fundamental tendo en conta o gran desenvolvemento social que este deporte implica. Doutra banda, as nosas instalacións: pistas premium cunha estrutura, céspede e iluminación de primeiro nivel, a distribución das mesmas maximizando o espazo e a altura do club proporcionan gran comodidade e fan que o xogo en Smash sexa diferente.
En decembro facedes o voso 10⁰ aniversario. Que momentos foron os máis especiais?
O crecemento do club sen dúbida tanto a nivel de instalacións como a nivel deportivo con respecto aos nosos equipos. Cada ampliación e mellora que realizamos no club foi especial. Iniciámonos con 4 pistas no ano 2014, en 2017 aumentamos a 6, ata chegar ás actuais 8 desde 2021. Os ascensos consecutivos cos nosos primeiros equipos masculino e feminino, empezando desde a última categoría ata chegar á máis alta. E por último a celebración de torneos open con gran acollida e participación altísima. Con todo, para nós cada día é importante, poder seguir traballando no que nos gusta, seguir vendo a ilusión que o pádel xera e como segue crecendo é motivador e especial 10 anos máis tarde.
Achégase a nova tempada. Con cantos equipos competirá esta campaña Smash Padel 4?
En principio 14 equipos, con presenza en todas as categorías tanto masculinas como femininas: Seguros Zamborela (1ª masculina), Cámping Valdoviño (2ª masculina), Estrella del Muelle (3ª masculina), Ar Sports “A” (1ª feminina), Ar Sports “B” (2ª feminina), Ferretería Andaina (4ª masculina), Pulpería La Isla (4ª masculina), Ar Sports (5ª masculina), Smashing Pumkings (4ª feminina), Café Bar O Gaiteiro (5ª masculina) e por último Club Padel As Pontes e Club Padel Ortigueira que nos elixen como sede oficial na liga unha tempada máis con dous equipos cada un en 3ª e 4ª masculina.
Que sensacións tes para esta nova tempada?
Desta tempada espero sobre todo que os xogadores poidan gozar adestrando e competindo cos seus compañeiros, coa expectativa de que cada equipo poida cumprir cos seus obxectivos e faga unha boa tempada. Individualizando un pouco esperamos poder consolidar o noso primeiro equipo, Smash Seguros Zamborela como un dos mellores de Galicia, onde contamos con xogadores novos con moita proxección como Iago Fuertes, Hugo Sánchez, Eder Miras, Raúl Rodríguez, Javi López, Alejandro Díaz, Iker Vieites, Lucas Noya, etc.
Como estás a ver o crecemento do pádel en Ferrolterra?
O crecemento segue sendo exponencial nos últimos anos tanto a nivel global como en Ferrolterra. A maior visibilidade dos grandes circuítos, redes sociais, apoio e patrocinio de marcas importantes fan que o interese aumente. Tamén creo que o perfil do xogador é cada vez máis diverso, aumentando sobre todo o número de xogadores novos. É un deporte cada vez máis popular que une a persoas de todas as idades, sexos e niveis.