Coñecemos de primeira man como respira o vestiario dos de Carballo cun dos seus pesos pesados, o porteiro Santi Canedo.
Despois dun inicio de temporada moi bo, os de Jorge Cuesta viviron nun mal mes de novembro as esixencias da categoría. Con todo, os de Carballo competiron en cada un dos encontros onde a falta de acerto e pequenos detalles os deixaron sen puntuar. O Bergan está recuperando sensacións e resultados nun mes de decembro moito máis produtivo, polo que pecha o exitoso ano 2024 con satisfacción e unha boa situación de cara a 2025. O obxectivo será consolidarse nesta esixente e terriblemente competida Segunda RFEF.
Como valoras os primeiros meses de competición do equipo?
Penso que comezamos moi ben a liga, sacando adiante partidos moi complicados e adaptándonos perfectamente á categoría. Co paso das xornadas é certo que os rivais xa nos foron coñecendo máis, polo que as dificultades para conseguir puntos aumentaron. Con todo, seguimos competindo moi ben en todos os partidos. En novembro, aínda que non conseguimos puntuar, estivemos preto de facelo, pero pagamos moi caros algúns erros en determinados momentos dos encontros. Agora estamos volvendo a conseguir algunha vitoria nunha categoría que é moi complicada e impredecible. Con respecto a outras temporadas, vexo unha categoría quizais con algo menos de nivel no aspecto da calidade dos xogadores, pero moito máis esixente a nivel físico, de ritmo de xogo e de intensidade e combatividade durante os 90 minutos de todos os encontros. No Bergan estamos a facer un bo traballo, aínda que tamén somos autocríticos e sabemos que para poder conseguir vitorias nesta esixente Segunda RFEF temos que estar moi concentrados e minimizar erros en cada un dos partidos.
Que sensacións tes tras superar a lesión?
A verdade é que estou moi contento, porque cando un está mancado sempre bota de menos non só competir, senón tamén estar no día a día traballando con todo o grupo. Por iso agora estou moi animado, desfrutando de todos e cada un dos adestramentos co equipo. Por sorte conseguín gañarme a confianza do adestrador desde que me recuperei, polo que estou tendo a oportunidade de axudar dende a portería ao equipo nos partidos da fin de semana. Atópome con moita forza e con ilusión de desfrutar desta categoría e axudar ao Bergantiños a seguir crecendo e a poder asentarse nesta Segunda RFEF, que é unha categoría moi bonita xa a nivel nacional. Estou seguro que co traballo dun grupo excepcional como o que temos e tamén co traballo do corpo técnico, conseguiremos o obxectivo.
Como evoluciona a Escola de Porteiros que dirixes?
Moi ben. Estamos a traballar cun grupo de rapaces en Carballo para que medren como porteiros. Ofrecemos tanto traballo grupal como clases individuais. Poñemos por diante a calidade dos adestramentos por riba da cantidade ou da masificación nos grupos. Temos de momento un bo grupo con 10 porteiros cos que estamos moi contentos do seu compromiso, o seu traballo e as súa gañas de mellorar día tras día.