A base alacantina Àngela Mataix Guill (2000, Onil) cumpre a súa terceira tempada no Baxi Ferrol, sendo este 2024/25 especial tras estrear capitanía e participar co seu equipo na EuroCup Women por primeira vez na historia, e que sumado ao excelente nivel que está a demostrar, foi seleccionada polo combinado español de Miguel Méndez.
Terceira tempada no Baxi e estreas capitanía. Como afrontas este rol?
Ser capitá do Baxi para min é un reto. É unha responsabilidade ser a capitá dun equipo de Liga Endesa e de EuroCup, pero afróntoo con ilusión e con ganas para que o equipo estea da mellor forma posible.
A dobre competición carrexou unha maior carga de partidos. Que cambiou nos adestramentos para lidar con estas esixencias?
Ao ter moita carga de partidos, os adestramentos son menos esixentes a nivel físico, pero moito máis a nivel de concentración. Temos pouco tempo para preparar os rivais e hai que estar moi concentradas en que temos que facer e como afrontar cada partido.
Que sensacións che transmite o equipo esta tempada?
Sensacións boas, eu creo que é un equipo moi versátil que se está adaptando moi ben a este estilo de xogo, con garra e con ganas de pelexar cada balón.
Primeira chamada da Selección. Como foi a experiencia?
Foi unha experiencia incrible, levo moitas cousas boas desa semana, tanto a nivel de baloncesto como a nivel persoal por poder compartir ese tempo con esas grandes xogadoras.
Como o viviron no teu pobo?
Recibín moitas felicitacións e a miña familia tamén. Sentimos moito o apoio da xente de Onil.
Como é Àngela Mataix fóra da cancha?
Eu creo que son unha persoa alegre, gústame moito pasar tempo cos meus amigos e divertirme con eles. Tamén, traballadora e constante, sempre tentei levar da mellor forma posible o baloncesto coa miña carreira universitaria.
Jenna Allen foise do Baxi sendo ferrolá honoraria. Ti tamén te sentes así?
Oxalá nun futuro se me lembre como a Jenna. Estou moi feliz en Ferrol e é unha gran cidade, neste momento é como a miña segunda casa.