Alejandro Regueira Fidalgo (Ferrol, 2001), coñecido como Álex Regueira, é deses gardametas capaces de cambiar o rumbo dun partido cunha soa intervención.
Formado nas categorías inferiores do Racing e do Parrulo, chegando incluso aos primeiros equipos, destaca no Esteo polos seus reflexos espectaculares, seguridade baixo paus e excelente xogo de pés. O seu potente disparo convérteo nunha ameaza constante desde calquera distancia, transmitindo carácter, personalidade e ambición competitiva en cada encontro.
Que che pareceu a tempada?
Sen ningunha dúbida foi unha tempada moi boa, con moitas cousas positivas, logrando un cuarto posto nunha Segunda B moi competida. A pesar de que, unha vez chegado febreiro, nos atopabamos en postos de play-off, sempre dá rabia, quedando tan pouco, non rematar entre os tres primeiros, pero como che digo, a tempada foi moi boa.
Cal cres que foi a fortaleza do Esteo esta campaña?
A unión de todos os compañeiros do equipo, ademais da calidade individual que ten cada un. Sen ningunha dúbida, a unión do grupo é algo a destacar.
Que sentes ao defender este escudo?
Pois ao final é unha responsabilidade e un orgullo defender o escudo dun equipo coma este, que leva tantos anos na Segunda B competindo e facendo boas tempadas. Un sempre quere facelo ben e intentar cumprir coas expectativas que ten a directiva do club e todas as persoas que veñen apoiarnos cada fin de semana. Así que para min é unha responsabilidade e unha alegría poder defender cada fin de semana o escudo do club en todos os partidos.
Foto: sadmoody241




