Ali: “Os meus referentes sempre foron meu pai e meu irmán”

Alicia Rey Vilela (Cedeira, 2000) representa a esencia do fútbol combativo en O Val.

Lateral dereita de percorrido infinito, tamén domina a esquerda e o centro da defensa. Formouse no Cedeira, cando naceu o equipo feminino, medrou despois en O Val e no Amistade antes de regresar á casa valexa, onde cumpre a terceira campaña consecutiva. É veloz, intensa e competitiva. A súa firmeza atrás, a entrega constante e o carácter indomable fan dela unha xogadora infranqueable.

Como viviches o lograr a permanencia?
Vívese con felicidade porque ao final conseguimos a permanencia, que era un obxectivo importante, pero tamén con sentimentos encontrados. Sabemos todo o esforzo e sacrificio que houbo detrás durante toda a tempada e quizais os resultados non reflectiron todo o traballo que fixo o equipo. Houbo partidos moi duros dos que persoalmente saía bastante tocada, porque vía que as vitorias estaban preto e que o equipo tiña nivel para conseguir máis, pero non chegaban. Aínda así, soubemos manternos unidas, loitar ata o final e conseguir o obxectivo, e iso tamén ten moito mérito.

Que significa para ti representar ao Val?
Para min representar este club é un orgullo enorme. Levan moitos anos confiando en min e iso é algo que valoro moitísimo. Ademais, este ano tiven a oportunidade de ser capitá e foi algo que me fixo moitísima ilusión, porque sentir ese apoio e que che dean esa responsabilidade é moi bonito, unha sensación indescritible. Ao final non só representas un equipo, senón tamén un club e unha afección que sempre está aí. Non hai nada máis bonito que deixarte a pel por eles dentro do campo. Aínda que é verdade que esta tempada non conseguimos todos os resultados que nos gustaría nin puidemos celebrar apenas vitorias coa afección, quería aproveitar esta pregunta para agradecerlles que sempre estean para nós, animándonos non só nos partidos da casa, senón tamén nos de fóra, chegando incluso a facer viaxes de tres horas. Sobre todo en tempadas como esta, é algo moi de agradecer e valorar.

Que xogador/a é o teu maior referente?
Os meus referentes no fútbol sempre foron meu pai e meu irmán. Eles foron quen me ensinaron desde pequeniña a xogar ao fútbol e a intentar mellorar en cada partido e adestramento. Ao final medrei véndoos xogar, sobre todo ao meu irmán, que desde pequeno marchou xogar ao RC Celta de Vigo, e pasabamos case todas as fins de semana indo ver os seus partidos. Creo que iso fixo que vivise o fútbol dunha forma moi especial desde nena. Ademais, é moi bonito compartir esa afección coa túa familia e sentir sempre o seu apoio. Para min foron e seguen sendo un exemplo a seguir.

Foto: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas