Alejandro Casteleiro Mallo “Caste” (Miño, 2002), converteuse nun dos nomes propios de O Val na súa cuarta campaña co club.
O dianteiro forxouse no Amistade, medrou no Racing xuvenil e seguiu pulindo a súa fame goleadora no Miño. Rápido coma o vento e intelixente nos movementos, domina os desmarques con precisión cirúrxica. O seu disparo é poderoso, o remate contundente e a súa capacidade para asociarse fai mellor a todo o equipo. Nos seus pés sempre aparece perigo e intención ofensiva. Caste non só marca goles, tamén lidera a ofensiva valexa e ergue ilusións na bancada.
Que balance fas desta tempada?
O balance, a pesar de non poder conseguir o principal obxectivo do equipo, é positivo. Foi unha tempada chea de aprendizaxes, de moito traballo e constancia. Conseguimos chegar vivos ata maio na liga, competindo ata o último minuto en case todos os partidos, tendo en conta todos os problemas que tivemos con baixas por lesións longas de compañeiros importantes ou por motivos laborais e persoais, que non son escusa, pero si lastran en certos momentos clave da tempada. E tamén conseguimos chegar á nosa terceira final de copa consecutiva, que afrontamos no vestiario con moita ilusión. Así que, ao final, na miña opinión estou seguro de que o balance é positivo.
Que cres que lle faltou ao equipo para conseguir a salvación?
Non sabería dicir algo concreto que nos faltase para conseguir a salvación. O que si sei é que o vestiario queda coa conciencia tranquila de telo dado todo e de traballar ao máximo para intentar lograr a permanencia, pero ao final, nos partidos importantes non tivemos tanta sorte de cara a porta como o ano pasado, cando conseguimos unha fazaña moi complicada, e este ano non se puido repetir. Ademais, os rivais cos que pelexas son clubs de gran nivel, aínda que tamén considero que somos un equipo con xogadores e adestradores de nivel Preferente, pero finalmente non se puido dar.
Que significa para ti cumprir catro tempadas como valexo?
Para min é un orgullo pertencer a este gran equipo que formamos nestes anos e converterse nunha gran familia moi unida, tanto dentro como fóra do campo, cun grupo no que sempre estamos remando xuntos e apoiándonos. A verdade é que sempre estiven en equipos nos que había un gran ambiente, pero aquí é diferente; é un lugar incrible para medrar como xogador e como persoa, como considero que fixen nestes últimos catro anos, converténdome nun mellor xogador e compañeiro.
Foto: sadmoody241




