A indiscutible capitá do Fisober e guerreira do Soneira, Ana Mouzo Mosquera (Vimianzo, 1991), forxou a súa lenda desde as Escolas Municipais de Vimianzo ata o Viaxes Amarelle, deixando a súa pegada tamén no Val do Ulla.
O seu liderado transcende o terreo de xogo como seleccionadora do combinado galego feminino sub12, inspirando e formando á próxima xeración de talentos coa mesma intensidade coa que conquista cada partido.
Como definirías ao Fisober?
O Fisober é un equipo familiar, as persoas que formamos parte desde o inicio da súa creación loitamos porque este proxecto siga vivo o máximo tempo posible e para conseguir ese obxectivo, que non sempre é fácil, integramos nel aos familiares, amigos e persoas máis próximas a nós e que o senten como un proxecto seu e no que ninguén sobra. E aínda que pasen diferentes nomes por el, a esencia mantense.
Como está a vivir o equipo esta tempada?
Esta tempada é de renovación. Do persoal de hai dous anos quedamos poucas caras, pero afortunadamente houbo incorporacións fundamentais que nos permitiron saír a competir, e que sentaran unha gran base para o futuro do club, xunto coas novas de sempre que parecen veteranas, e a gran canteira que ven empuxando forte desde abaixo.
Que mensaxe lles transmites ás xogadoras máis novas cando chegan ao primeiro equipo?
Sempre que alguén ficha polo noso equipo, intento transmitir o que me importa a min o Fisober, para que elas sintan un pouco del. Coas xogadoras máis novas, a verdade e que son moi intensa, creo que saco demasiado a relucir a miña vea de adestradora con facilidade, intento darlles os consellos e trucos que eu aprendín cos anos de experiencia. Cando hai boas calidades e boa materia prima futbolística, intento esixirlles para que dean o mellor delas, pero sobre todo, doulles palabras boas para que teñan confianza en si mesmas e poidan sacar a relucir todas as súas virtudes. O Fisober é un club propio para iso.
Foto: Foto Fuentes




